Estar ao fronte da Subdelegación do Goberno en Ourense é un camiño de ida e volta. “Non é só representar ao Estado na provincia, senón tamén representar aos cidadáns ourensáns, aos seus problemas e ás súas dificultades diante do Goberno central”. Así o entende Roberto Castro García (Vilavella, A Mezquita, 1955), tras dous meses neste cargo.
“Para min é un reto persoal, unha honra e tamén unha enorme responsabilidade” admite. Castro García conta cunha dilatada traxectoria profesional ligada ao mundo do ensino, pero tamén da política. É doutor en Ciencias da Educación, licenciado en Filosofía e Letras e diplomado en Ciencias Humanas.
O seu labor como profesor estivo vencellado á educación pública dende 1977, primeiro como docente en diferentes centros e, xa dende 1985, como pedagogo no equipo psicopedagóxico de apoio da Consellería de Educación en Ourense.
No eido da política, Castro ten sido parlamentario do Partido Popular entre 1999 e 2009. Neste último ano foi designado director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, un posto que ocupou ata o pasado febreiro, cando tomaba posesión como subdelegado do Goberno.
Dende entón vén mantendo unha serie de visitas e encontros con responsables das forzas e corpos de seguridade na provincia, pero tamén con representantes políticos. “Iso permitiume tomar contacto coa realidade, cos problemas que se viven a diario na cidade e na provincia. Tamén visitei a Deputación, a cuxo presidente úneme unha antiga amizade”. Ademais “recibín a colectivos, asociacións, sindicatos, tamén a cidadáns... Como dixen sempre, e manterei ata o último día que estea aquí, as portas desta casa están abertas para todo o mundo”.
É a primeira vez que asume un cargo do goberno do Estado, ¿con que obxectivos o fai?
O obxectivo é sempre o servizo á cidadanía, todo xira en base a iso: a proximidade, o coñecer os problemas, o estar preto das persoas, tentando comprender e axudar, na medida das miñas posibilidades, para que podamos axudar a esa xente a saír adiante coas súas dificultades nunha situación tan complexa como a que temos nestes tempos.
¿Que características destacaría de Ourense fronte ás outras provincias galegas?
Xa xeograficamente é unha provincia de interior, á unica de Galicia, polo tanto iso xa ten unhas connotacións moi diferentes ás da costa. É unha provincia agraria e rural, pero na que a capital ten 110.000 habitantes, a terceira cidade de Galicia. É unha provincia cunha poboación moi diseminada, moi envellecida e moi ligada ao mundo rural e iso supón tamén algunhas dificultades de comunicación desa xente coa capital.
Precisamente Valdeorras é unha zona que ten percibido especialmente esa distancia física, pero tamén mental coa capital...
Certo é que Valdeorras é unha comarca puxante, sempre foi pioneira en moitos aspectos, no sentido económico, no referente a iniciativas privadas de explotación de recursos, por exemplo, temos alí a lousa, que é unha referencia mundial, tamén no sector primario coa Denominación de Orixe Valdeorras... Valdeorras ten unha personalidade propia, é evidente. Cada comarca da provincia e de Galicia ten as súas características e, efectivamente, esas dificultades orográficas de comunicación física entre Valdeorras e a capital, pois no seu tempo mantiveron unha certa distancia. Eu tiven a honra de ser compañeiro de partido de Julio Gurriarán, que en paz descanse, e lembro que falabamos de que chegar a Ourense dende O Barco era unha aventura, “a nós quédanos moito máis preto Ponferrada”, dicíame. É dicir, que sendo unha comarca galega, o seu horizonte era cara León. Agora afortunadamente as comunicacións melloraron e teñen que seguir mellorando aínda moito máis.
Está pendente a autovía A-76 entre Ponferrada e Ourense.
Claro e está sobre a mesa do goberno do Estado. ¿Que ocorre?
Movémonos nun marco económico difícil, non estamos na época das vacas gordas na que había recursos, vivimos unha etapa máis complicada e as cousas son máis difíciles de sacar adiante, e ao mellor algunhas van un pouco máis lentas, pero iso non quere dicir que se vaian olvidar delas. Valdeorras merece un trato digno, non mellor que outros, pero tampouco peor, e nese senso eu creo que o goberno do Estado ten sobre a mesa esa vía de comunicación e outras moitas cousas para esta provincia.
Texto: Ángeles Rodríguez/Ourense Foto: Carlos G. Hervella
(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do periódico O Sil).