Serigrafías a catro tintas, acuarelas, mosaicos, arxilas, tinta chinesa, fotografía dixital, mais tamén madeira (de cerdeira ou carballo) e metal. A través de diversos materiais, técnicas e estilos manifestábanse os trece artistas participantes no XI Córgomo Arte, un proxecto que aposta por levar a arte contemporánea ao rural e que promoven dende os inicios os escultores Manuel Conde e Victorino Núñez “Torino”.
Unha nova edición desta exposición abría as súas portas ao público ás 17h. deste sábado 9 de decembro na Sala Conde Torino de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) baixo o título de “Fragmenta”. Reúne un total de 20 obras que amosan eclecticismo e diversidade e nas que cada creador plasma a súa mirada sobre a “fragmentación e a subxugación do individuo fronte a unha sociedade que nos anula e dilúe o noso eu máis profundo”, segundo a comisaria da mostra, Silvia Fiallega.
Ademais de Manuel Conde e Victorino Núñez “Torino”, nesta nova edición de Córgomo Arte participan os artistas Roberto Álvarez e Noé Blanco, da Rúa; Sabela Mato, ferrolá con raíces valdeorresas; a sarriá Violeta Bernardo; a lucense Sabela Arias; Arturo Ceide, de Monforte; e os mariñáns Julián Bouza, Ignacio Castro “Nachok”, Mauro Leivas, Martín Lestao e Belén Mogo. Tamén participa Patricia Fernández Pazccomo deseñadora do cartel e material gráfico da mostra.
“Xuventude e veteranía a partes iguais, representan a diversidade na que queremos coexistir. Todas e todos eles transitan nesta viaxe introspectiva que lles propuxemos. Achégannos obras con olladas e técnicas moi diferentes. Fotografía, cerámica, tintas e acuarelas, cerámica, deseño dixital, collage, serigrafía, escultura, pintura e debuxo… son as linguaxes escollidas para reflexionar e expresar o seu punto de vista dunha realidade na que participamos todos. Córgomo Arte XI, “Fragmenta”, sinalan os organizadores.
A mostra poderá visitarse ata o 7 de xaneiro nas fins de semanas e os festivos desde as 10:00 ás 22:00 h. Numerosas persoas percorríana nesta xornada inaugural, na que os visitantes tamén eran agasallos con petiscos e viños de Valdeorras.
Fotos: Carlos G. Hervella.