Ata en cinco ocasións se subían ao podio os padexeiros do Club Fluvial Barco nesta 51ª edición da proba, disputada na tarde do 16 de setembro no Barco. Novamente, e xa van 16 veces, Jesús Rodríguez León resultaba imbatible nesta regata que pechaba o calendario galego. Vencía en K-1 senior de maneira rotunda.
Nesta mesma categoría, pero en K-2, lograban o subcampionato Bernardo Sánchez e Sergio Ruiz. Tamén segundos quedaban Fernando García e Roberto Núñez en K-2 veterano. Outro título viña da man de David Armesto, que vencía en K-1 veterano.

Ademais, na categoría feminina, o K-2 mixto formado por Kissy Torres e Mónica Piñeiro (do Fluvial Avión) facíase co título. Nesta 51ª edición do Descenso do Sil competían 37 clubs galegos e doutros puntos de España e case 400 padexeiros. Entre os clubs da provincia estaban, ademais do Fluvial Barco e do Fluvial Avión, o Fluvial Allariz e a Escola Ourensana de Piragüismo.

Na entrega de premios facíase asemade un recoñecemento ás entidades que se encargaban de velar pola seguridade na proba como era o caso de Protección Civil, o GES Valdeorras e Ambulancias Sil.

Fotos: Ángeles Rodríguez/ Carlos G. Hervella