Dende a praza Maior barquense ata os xardíns  da Casa Grande da man do teatro, dando saltos no tempo e entre diálogos con personaxes ilustres da historia da zona, moita música e doses de humor. Multitude de persoas facían este traxecto cultural e escénico a través de “Polos camiños do tempo. Percorrido teatral pola historia do Barco e Viloira” na tarde do 15 de setembro.

Era a segunda función deste proxecto escénico producido polo Concello do Barco, con texto de Gustavo Docampo, dirección de José Luis García Alejandre “Álex” e interpretación de Gargallada Teatro. Superábanse as expectativas e centos de persoas de todas as idades sumábanse a este convite teatral, con gran interacción e  que remataba entre longos aplausos e a música de Manuel Durán, Xoaquín Freixeiro, Xulio Parada e Mauro Docampo.

 

tea21

 

Tratábase de hora e media de representación con sete escenas noutros tantos escenarios e un deambular continuo de personaxes, algúns coñecidos e outros anónimos, aos que daban vida (por orde de aparición): Sol Rodríguez, Reyes Limia, Manuel Caramés, José Luís Conde, Lalo Santos, Silvia Cuesta, Aurora Fernández e Manuel González.

Texto e fotos: Ángeles Rodríguez.