SanidadeÚltima hora

13 colexios da provincia, entre eles o Pablo VI-Fátima da Rúa, participan no programa piloto de vacinación infantil fronte á gripe

 

Na mañá deste mércores 14 de outubro, o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisaba no colexio CPI Antonio Failde , no concello de Coles, por segundo ano consecutivo o programa piloto de vacinación infantil fronte á gripe coa vacina intranasal nos centros educativos. Unha campaña de vacinación infantil dirixida ao alumnado de 4º, 5º e 6º de educación infantil e o alumnado de educación primaria (nenos e nenas nados entre 2015 e 2023) dos centros participantes cunha poboación diana de 3.731 alumnos.

Na súa visita ao centro, o delegado da Xunta, acompañado da alcaldesa, Susana Rodríguez, lembrou que tanto a incidencia da gripe na infancia como as porcentaxes de nenos hospitalizados por cadros de gripe grave é moi elevada e superan as dos adultos. Ademais, incidiu que os nenos son os maiores transmisores desta infección debido a que liberan maior cantidade de virus, durante un tempo máis prolongado e propágana facilmente entre a súa contorna.

Aproveitou Manuel Pardo a súa estadía en Coles para poñer o foco na protección que esta medida preventiva confire, no so a titulo individual ao escolar, fronte a esta enfermidade e as súas complicacións, senón o gran beneficio que aporta a sociedade a título colectivo, evitando diseminar a gripe á súa contorna escolar e familiar e diminuíndo o contacto con este virus da poboación mais vulnerable. Igualmente, fixo un chamamento á vacinación, posto que é a mellor protección é a prevención, resaltando a utilización dunha vacina intranasal que facilita a aceptación na idade pediátrica, que activa o sistema inmunitario local e diminúe a incidencia de infeccións bacterianas polo estreptococo.

 

 

 

Neste contexto, salientou que na campaña do ano pasado a cobertura global acadada na poboación infantil foi dun 54,09 %, sendo Ourense a segunda provincia coa cobertura mais alta da nosa comunidade (53,41 %) despois de A Coruña. En referencia á este proxecto piloto o 46,83 % dos escolares ourensáns dos centros educativos participantes vacináronse neles.

A vacinación estase a realizar nos propios centros educativos, previa autorización asinada polos proxenitores do alumnado, en datas sinaladas entre o 13 e o 20 de outubro. O preparado vacinal que se utiliza é o mesmo que se administra nos centros de saúde para esta poboación. Cifras, que para o representante do Goberno galego representan “o compromiso da cidadanía e o traballo dos profesionais sanitarios e espera que neste segundo ano se acade o obxectivo previsto do 60 % de vacinación nesta poboación”.

Manuel Pardo informou que na provincia de Ourense, ademais deste centro, participan neste proxecto piloto os centros educativos CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, CPR Plurilingüe Divina Pastora, CPR Pablo VI Fátima da Rúa, CEIP Padre Feijóo de Allariz, CPI Terras de Maside, CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo e CPR Plurilingüe Sagrado Corazón do Carballiño, CPR Plurilingües Guillelme Brown e Miraflores do Pereiro de Aguiar, o CPR Plurilingüe María Inmaculada de Verín e os CEIP Carlos Casares e Rosalía de Castro de Xinzo de Limia.

Back to top button