¿Quen somos?

O Sil, unha cabeceira intercomarcal.

Unha cabeceira intercomarcal.O Sil ano 2000 é unha cabeceira que naceu en torno á conca do río Sil, de aí o seu nome, e está editado pola empresa de comunicación GARHERVE S.L. Esta publicación apereceu por vez primeira en outubro de 1996 e dende entón sae á rúa cunha periodicidade mensual gracias a labor profesional, gran esforzo e interese que depositan en cada número o equipo de persoas que elaboran O Sil. Isto faise tamén posible pola fidelidade e respaldo que día a día amosan os seus lectores, así como polo respaldo dos nosos anunciantes e subscriptores.

O periódico O Sil véndese en boa parte dos quioscos da provincia de Ourense e na zona de Quiroga, pero tamén chega a calquer parte do mundo a través de subscrición..

As orixes desta publicación remóntanse a xaneiro de 1995 cando se empezou a publicar como xornal deportivo valdeorrés, editado por Ainúr (unha asociación cultural sen ánimo de lucro), coa finalidade de falar e promocionar o deporte intercomarcal. Nesta primeira etapa publicáronse tres números mensuais: xaneiro, febreiro e marzo. Sen embargo, por motivos económicos, xa que non se cubrían custes, a publicación deixou de editarse. Cun novo impulso e cun proxecto de comunicación e empresarial serio, o xornal volveu a saír á rúa en 1996 xa co nome de O Sil ano 2000. Mantendo unha periodicidade mensual, a publicación engadiu á información deportiva outro tipo de seccións para ofrecer ós lectores unha información xeral co fin de achegarse ós diferentes ámbitos da realidade das comarcas da provincia de Ourense. Dende entón, o xornal continúa abríndose mes a mes a novos temas, modernizando as súas propostas, contidos e maquetación sempre coa pretensión de tentar cubrir todos os eidos de interese para os nosos lectores. Na actualidade, o periódico vén publicando unhas 88 páxinas mensuais (das cales unhas doce son á cor) ás que hai que engadirlle os suplementos de diferentes temas (pizarra, viticultura, entroido…), o que en moitas ocasións lle confire un carácter case quincenal.

O xornal está asimesmo a servir como vía de enlace entre as xentes destas comarcas que se encontran espalladas por diferentes lugares do planeta, e así chega por subscripción a diferentes países de Latinoamérica, Europa, Asia e incluso África, e, por suposto, a diversas cidades e pobos da xeografía española. Ademais con esta fiestra renovada que abrimos en internet esperamos que o noso proxecto chegue a máis persoas. Entre as iniciativas nas que está implicado o periódico O Sil para desenvolver estas comarcas están proxectos de tipo cultural, deportivo ou turístico, entre outros. Así, con frecuencia os nosos subscriptores reciben un póster a cor dalgúns lugares ou elementos naturais ou patrimoniais da zona cos que se pretende dar a coñecer a riqueza paisaxística, patrimonial, cultural… destas terras.

Para seguir facendo día a día posible este proxecto necesitamos contar coa axuda de todos e así gustaríanos que en cada fogar houbese un xornal do Sil ano 2000.

Back to top button