En portadaÚltima hora

1,4M€ do Ministerio de Política Territorial para 28 actuacións en zonas ourensás afectadas polos lumes do 2025, para 2 en Pontevedra e 1 na Coruña

Vén de publicarse no BOE a resolución das subvencións para a recuperación de danos en infraestruturas municipais e rede viaria provincial

O delegado do Goberno en Galicia, co subdelegado do Goberno en Ourense, visitando unha zona afectada polo lume na provincia no 2025.

 

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, subliñou o compromiso do Goberno coa reconstrución das zonas afectadas polos incendios de 2025 en Galicia, como “amosa a asignación de 1,4 millóns de euros en axudas, sendo a Comunidade Autónoma que máis fondos recibe”. O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicaba neste 4 de agosto a resolución do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática para financiar actuacións de reparación de infraestruturas municipais e da rede viaria provincial afectadas polos incendios forestais e outras emerxencias de protección civil rexistradas entre o 23 de xuño e o 25 de agosto de 2025.

Pedro Blanco destacou que estas axudas “reflicten a colaboración permanente coas administracións locais para restablecer os servizos públicos e reparar os danos sufridos”. “Seguimos traballando para dar resposta con feitos aos concellos, empresas e persoas afectadas polos lumes, cun investimento que xa suma preto de 23 millóns de euros en Galicia entre obras e axudas”, remarcou.

As axudas permitirán cofinanciar o 50% do custo subvencionable das actuacións, cun investimento global en Galicia de preto de 3 millóns de euros. A provincia de Ourense concentra a maior parte dos fondos, con 1.312.686,29 euros destinados a 28 actuacións en concellos como A Veiga, Carballeda de Avia, Cualedro, Monterrei, Verín, Oímbra, Avión, Laza, Manzaneda, Petín, Rubiá, San Cibrao das Viñas, Chandrexa de Queixa ou A Mezquita.

Na provincia da Coruña concédense 43.312,65 euros para unha actuación no concello de Ponteceso, mentres que na provincia de Pontevedra se destinan 106.254,30 euros para dúas actuacións nos concellos da Cañiza e Vilaboa.

Pedro Blanco destacou o labor desenvolvido pola Delegación e as Subdelegacións do Goberno en Galicia na tramitación destas subvencións, colaborando na comprobación e validación das solicitudes presentadas polas entidades locais para garantir unha distribución rigorosa e transparente dos fondos públicos.

No conxunto de España, o Goberno destina 3.745.154,38 euros para financiar a recuperación de infraestruturas municipais e da rede viaria provincial nos territorios declarados “Zona afectada gravemente por unha Emerxencia de Protección Civil”.

 

Back to top button