
Quiroga acollerá este sábado, 6 de setembro, a Quiroga Bike Marathon, unha proba de BTT de longa distancia organizada pola área de Deportes do Concello de Quiroga contando co patrocinio de Oroso Club Ciclista e Vitaldin Sport.
A proba era presentada polo alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, o Concelleiro de Deportes, Antonio Marcos, un dos organizadores Celestino González (presidente Oroso Club Ciclista) e por dous participantes quirogueses, quenes explicaban que dará comezo ás nove da mañá dende as inmediacións da casa consistorial onde se situará tamén a meta de chegada.
A proba, non federada, constará de dúas distancias: Bike Marathon de 45km e 1400 metros de desnivel positivo; e Bike Extreme de 67km. con 2400 metros de desnivel positivo e poderase participar de forma individual ou en parella. Na modalidade de parella hai varias categorías: Masculina, cando a suma das idades dos compoñentes do equipo sexa inferior ou igual aos 80 anos; Veteranos, cando esa suma supere os 80 anos; Femenina, cando os seus compoñentes sexan mulleres; ou Mixta, cando os compoñentes do mesmo equipo sexan de distinto sexo.
As inscricións pechábase na xornada de onte con 160 ciclistas inscritos que farán un percorrido, maioritariamente por pistas forestais, pasando por puntos como As Eiras, as Terras Negras, Reboledo, o Rego das Forcadiñas ou o Alto do Boi.
