EconomíaEconomíaÚltima hora

17 Gadis da provincia participan na campaña de recollida de alimentos, do 13 ao 21 de novembro

 

Un ano máis Gadis únese á campaña La Gran Recogida que leva a cabo a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) en todo o territorio nacional. É a 12ª edición consecutiva que a cadea de supermercados se suma a esta iniciativa, que ten como obxectivo mellorar a situación de familias desfavorecidas da contorna máis próxima.

Tal como explican dende Gadis, as formas de achegar un gran de area a esta causa social son dúas: doar alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene nos espazos sinalizados para este fin nos establecementos ou facer unha achega económica ao pasar por caixa. La Gran Recogida empezará en Gadis este venres, 13 de novembro, e estenderase ata o 21. En total, pódese colaborar durante nove días nos 225 puntos de venda que a empresa ten repartidos en Galicia e Castela e León, 17 dos cales están na provincia de Ourense.

Gadis agradece de antemán a “solidariedade dos clientes coas accións de carácter solidario que pon en marcha, especialmente con esta campaña. Tamén a implicación dos voluntarios, cuxa presenza nos puntos de venda é fundamental para o éxito de la mesma”.

Compromiso coa comunidade local

O compromiso coa comunidade está recollido no programa de Responsabilidade Social Corporativa de Gadis, e é un dos principios que rexe a súa colaboración con La Gran Recogida. A recadación irá destinada a paliar as necesidades básicas dos bancos de alimentos cos que a empresa colabora de forma habitual: Banco de Alimentos Provincia da Coruña, Ourense, Lugo, Vigo, León, Ponferrada, Ávila, Zamora, Valladolid, Salamanca e Segovia.

Máis de 812.000 quilos de produtos e máis de 430.000€, grazas á solidariedade dos seus clientes, é a axuda que recadou Gadis nos últimos catro anos e que canaliza a través desta rede de apoio local ás organizacións do terceiro sector para que poidan continuar desenvolvendo o seu importante labor en favor de toda a sociedade.

Back to top button