DeportesFútbol salaÚltima hora

18 equipos participarán esta fin de semana no II Torneo Futsal Vila do Barco, no pavillón de Calabagueiros

O domingo haberá un cuadrangular feminino: Vianariño FS-Estrelas Galiza e Rúa Valdeorras FSF-Cidade de A Burgas ás 16 horas

Primeiro partido da edición do ano pasado./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Conta atrás para o II Torneo Futsal Vila do Barco que trae moitas novidades e sorpresas. O Pavillón Municipal de Calabagueiros acollerá esta fin de semana o campionato que comezará o venres 4 de xullo pola tarde e rematará o domingo día 6 tamén pola tarde coas finais.

Nesta segunda edición participarán 18 equipos, dous máis que o ano pasado, distribuídos en seis grupos. O primeiro partido do venres, entre Rubesol e Botafoguetes, está previsto para as 20 horas e o último, entre Granalvao e Los Galácticos, para as 2 da mañá. O sábado día 5 de xullo o primeiro partido será as 9 horas entre Amigos FS e Adega Sotillo e o último ás 19 horas entre Botafoguetes e Tarados.

 

 

Con respecto ao premios, haberá para os catro primeiros clasificados (1.500 puntos para o 1º; 750 puntos para o 2º e 150 puntos para o 3º e 4º) e tamén trofeo para o mellor xogador e o mellor porteiro. “Ademais o campión levará tamén dúas sesións de rehabilitación por xogador na Clínica Vázquez”, avanza Adrián Ramos dende a organización, destacando que, na tarde do domingo durante as finais haberá sorteos.

Aínda que o torneo é masculino, o domingo haberá un cuadrangular feminino: Vianariño FS-Estrelas Galiza xogarán ás 13 horas; e Rúa Valdeorras FSF-Cidade de A Burgas ás 16 horas. A final xogarase ás 18 horas.

Back to top button