“Que perdan o medo a lanzarse ao vehículo eléctrico”. Este é o principal obxectivo dos 20 concesionarios que participan desde hoxe no 17º Salón do Automóbil – Vehículo Novo. A cita arrancaba na mañá deste venres 16 de outubro en Expourense e constitúe o evento máis agardado do ano tanto para os concesionarios de Ourense como para os ourensáns que precisan cambiar de coche e deciden facelo nestes días, atraídos pola cantidade e calidade da oferta, os prezos especiais, as garantías e as facilidades de financiamento que ofrecen os 20 concesionarios participantes, que representan 31 marcas. O Salón do Vehículo Novo celébrase ata o domingo ás 20h. A vindeira fin de semana, do 23 ao 25 de outubro, será a quenda do Salón do Vehículo de Ocasión.
Trátase de dúas citas vinculadas a un dos sectores comerciais de maior peso na provincia de Ourense, o da automoción, organizadas conxuntamente por Expourense e A.C.A.U.T.O., coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense. O 17º Salón do Automóbil – Vehículo Novo ofrece a oportunidade de coñecer nun só espazo as últimas novidades do sector e descubrir o futuro da mobilidade na provincia de Ourense. Tamén é unha gran oportunidade para coñecer as novidades que se van comercializar nesta campaña. En total, preséntanse esta fin de semana 36 modelos novos, algúns dos cales poden verse por primeira vez en Galicia, como o Hyundai IONIQ 3, o CUPRA Raval ou o Audi Q7. Esta cita serve para celebrar os 30 anos de historia de ACAUTO.

Entre os dous salóns estarán expostos máis de 723 vehículos (308 están expostos no Novo e 415 estarán no de Ocasión da vinceira semana), o que converte a Expourense no maior concesionario do Norte de España durante estas dúas semanas. As 31 marcas representadas son: AUDI; BMW; BYD; CHANGAN; CITROËN; CUPRA; DACIA; EBRO; FIAT; FORD; HYUNDAI; JAECOO; JEEP; KIA; LEAPMOTOR; LEPAS; MAZDA; MERCEDES; MG; MINI; NISSAN; OMODA; OPEL; PEUGEOT; RENAULT; SEAT; SKODA; SUZUKI; TOYOTA; VOLKSWAGEN e VOLVO.
Este salón serve, ademais, para presentar oficialmente en Ourense dúas novas marcas emerxentes no mercado automobilístico: CHANGAN e LEPAS, que participan por primeira vez. Tamén é a primeira vez que a marca MINI participa de xeito independente. Nesta cita pódese apreciar a convivencia entre as novas marcas emerxentes chinesas e outras que utilizan o selo Made in Spain como reclamo de calidade e confianza.
Entre os vehículos novos expostos neste primeiro salón pódense atopar coches de todas as gamas e con diferentes motorizacións, cunha oferta destacada de microhíbridos, híbridos, híbridos enchufables e eléctricos 100 %. Os prezos oscilan entre os 14.990 euros do ŠKODA Fabia Go! e os 129.990 euros do novo Audi Q7 Black Line TDI quattro de 299 CV. Os concesionarios ofrecen descontos especiais durante a feira que poden chegar aos 10.000 euros. Ademais, cada concesionario dispón das súas propias condicións de financiamento, polo que resulta doado atopar coches por 200 euros ao mes.

O mercado automobilístico de Ourense é o que máis medrou en Galicia, cun incremento do 29 % no último ano. Este dato contribuirá a renovar o parque automobilístico da provincia, que, cunha antigüidade media de 18,2 anos, é o máis antigo de España. A vicepresidenta de A.C.A.U.T.O., Eva André, explicou esta mañá, durante a visita inaugural aos expositores, que «o usuario ten que perder o medo e as dúbidas á hora de mercar un coche eléctrico. En España hai 20.000 gasolineiras e 50.000 puntos de recarga eléctrica. Simplemente hai que planificar e mercar sen medo».
Na actualidade o 30% nos novos compradores acoden ao concesionario interesados polos vehículos eléctricos ou híbridos e de cada 100 coches vendidos, 13 xa son 100% eléctricos. No mercado galego o 45% dos vehículos vendidos son de gasolina ou diésel, o 13% 100% eléctrico ou puro, e o resto son híbridos enchufables, suaves ou autorrecargables.
Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de compra do vehículo adquirido.

Este ano repítese tamén a colaboración con Cáritas Ourense, entidade que recibirá ao rematar estas citas unha cantidade de 15 euros por cada vehículo vendido que será achegada por ACAUTO.
Para facilitar a elección do novo coche familiar, hai de novo servizo de ludoteca gratuíto durante toda a fin de semana (venres de 17 a 20:30 horas; sábados de 12 a 14 e de 17 a 20:30 horas e domingos de 12 a 14 e de 16:30 a 20 horas).
O horario do 17º Salón do Automóbil será os venres de 11 a 20:30 horas; os sábados de 10 a 20:30 horas; e os domingos de outubro de 11 a 20 horas. O prezo da entrada son 3 euros por cada salón (menores de ata 12 anos teñen entrada gratuíta).
36 NOVIDADES
AUDI- Q7
BMW – i3 e ix3
CHANGAN – DEEPAL SO5 (VERSIÓNS EX e PHEV)
CUPRA – RAVAL e RESTYLING BORN
EBRO – S900
FORD – PUMA ELÉCTRICO 100% e KUGA HÍBRIDO ENCHUFABLE
HYUNDAI – IONIQ3
JAECOO – 7
KIA – EV 2 100% ELÉCTRICO
LEAPMOTOR – B03X e B05
MAZDA – CX-6e SUV 100% ELÉCTRICO
MERCEDES – C-400
MG –S9 e URBAN
MINI – ACEMAN
NISSAN – LEAF
PEUGEOT – 308 e 408 (novas versións)
RENAULT – TWINGO ELÉCTRICO
SEAT – RESTYLING IBIZA E ARONA
SKODA – EPIQ
SUZUKI – E-VITARA ELÉCTRICO
TOYOTA – YARIS CROSS, RAV4, AYGOX CROSS, COROLLA CROSS_LA HILUX
VOLKSWAGEN – ID POLO
VOLVO – EX60