
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, subliñou hoxe o compromiso do Goberno de España coa seguridade en Ourense, cun reforzo de 20 efectivos no Corpo Nacional de Policía. Fíxoo durante o acto de benvida aos novos policías que se unirán ao persoal fixo e aos oito policías en prácticas que terminarán a súa formación en Ourense. Estivo acompañado do comisario xefe da Comisaría Provincial de Policía, Juan Cástor Vázquez.
O subdelegado anunciou que os novos policías que hoxe se incorporan formarán a nova Unidade de Prevención e Reacción (UPR) xunto a 11 efectivos máis que xa desenvolven o seu labor na comisaría, unha vez chegue a dotación material. Mentres, farán funcións de seguridade cidadá. “Será un equipo completo de 30 efectivos e ben dotado que levará a cabo funcións de prevención de incidentes en eventos, controles de persoas e vehículos e mellorará a seguridade cidadá”, indicou.

Na súa intervención, Eladio Santos lembrou que con este reforzo se cumpre o compromiso do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, que comunicou que completaría a UPR de Ourense. “O que amos que este é un goberno comprometido coa seguridade, coas Forzas e Corpos e co benestar da cidadanía de Ourense”, remarcou.
Ademais, o subdelegado quixo desexarlles unha boa e próspera estancia tanto aos novos efectivos fixos como aos policías en prácticas que terminarán a súa formación nun período de 11 meses en Ourense. “Aprenderedes dun equipo humano excepcional que contribúe diariamente a que Galicia sexa a segunda comunidade autónoma máis segura de España”, sinalou.
Eladio Santos puxo en valor o “esforzo sen precedentes” realizado polo Goberno de Pedro Sánchez para aumentar o persoal das Forzas e Corpos de Seguridade, grazas o cal a comisaría de Ourense ten agora o seu catálogo optimizado. “Desde 2018 sumáronse 500 profesionais máis á Policía Nacional en Galicia, o que supón un incremento dun 20%”, sinalou.
