Na mañá deste luns 13 de outubro escolares de 4º de Primaria dos colexios do Barco, Vilamartín e A Rúa, asistían á primeira convivencia escolar dedicada aos artistas de Valdeorras baixo o título “Yosso e Florencio, descubrindo a arte na paisaxe”.
Florencio Delgado Gurriarán escribía a paisaxe; Xosé Porto García, máis coñecido como Yosso, pintábaa. “Ambos artistas, o primeiro dende Córgomo (Vilamartín) e o segundo dende Valbuxán (O Bolo), foron quen de crear un corpo artístico e literario dedicado á comarca e que segue a poñerse en valor, desta vez vinculando ambas traxectorias”, explican dende a Fundación Florencio Delgado Gurriarán, organizadora desta actividade.
O colexio anfitrión nesta ocasión foi o CEIP O Bolo, onde desembarcaron douscentos alumnos do CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín, CEIP Manuel Respino da Rúa; e CEIP Otero Pedrayo, CEIP Condesa de Fenosa, CEIP Julio Gurriarán e Colexio Divina Pastora, todos do Barco. “Para algúns deles, segundo recoñecían na benvida, era a súa primeira vez no Bolo, pero a Yosso e Florencio xa os coñecían, grazas a que antes deste encontro tiveran unha actividade previa nas súas aulas a cargo da educadora Mayte Núñez Domínguez. Por iso, o día da convivencia o que se lles propuxo foron xogos e visitas didácticas nas que a paisaxe tiña moito protagonismo”, explican dende a organización.

Divididos por grupos visitaron o Museo Yosso e o castelo, xogaron a completar poemas de Florencio con palabras relacionadas coa paisaxe, practicaron tiro con arco, descubriron a árbore do seu nacemento segundo o mito do horóscopo celta e pintaron con todo tipo de materiais orgánicos: verduras, viño e carbón. Todo iso, conducido cun xogo de pistas que tiñan que ir resolvendo para poder pasar de actividade. O director do CEIP O Bolo, José Luis Fernández Casas, destacou que foi un día moi interesante para o seu alumnado, que exerceu de anfitrión das actividades. “Hoxe a rapazada síntese protagonista e parte activa da comarca, ademais de ter a oportunidade de valorar artistas que creceron onda eles”. Modesto Rodríguez, do CEIP Condesa de Fenosa do Barco, coincidiu na valoración positiva e na necesidade de facer máis eventos deste tipo. “Ás veces o que menos coñecemos é o máis próximo e convivencias coma esta fannos conectar”.
A directora da Fundación Florencio Delgado Gurriarán, Débora Álvarez Moldes, pola súa banda, asegura que lles gustaría repetir a experiencia cada ano poñendo o foco en diferentes artistas e lugares, para que a rapazada coñeza mellor o seu entorno e veciñanza, reforzando a identidade valdeorresa arredor da expresión artística.
Esta primeira convivencia realizouse coa colaboración dos concellos do Bolo, A Rúa, O Barco e Vilamartín; e dende a Fundación agradecen especialmente a implicación do equipo do Concello do Bolo, o “apoio loxístico da empresa Ocio e Deportes e a creatividade e mais o bo facer de Mayte Núñez e Inés Cao, que idearon e guiaron algunhas das actividades”.
Fotos cedidas.