Na fin de semana do 2 e 3 de decembro remataba a Liga Galega da Moto de Campo coa última carreira celebrada en Gomesende.
A competición que chegaba por primeira vez ao municipio ourensán, disputábase en dúas xornadas. O sábado era a quenda do “mini enduro” para menores de 6 a 14 anos; e o domingo, a do enduro cos maiores de 16 anos. Unha proba que se lle deu especialmente ben aos pilotos valdeorreses con tres no alto do podio en diferentes categorías.
Na carreira raíña, a elite, impoñíase o barquense Jorge Paradelo que, tras gañar todas as probas da liga, proclamábase campión galego da categoría.
En Open 4t era Jairo Cao quen subía ao alto do podio en Gomesende, proclamándose tamén campión da liga na súa categoría; e en E3 vencía David Arias.