OurenseÚltima hora

Rematan as obras de reconstrución do Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras (Xinzo de Limia)

O presidente da CHMS e o alcalde de Xinzo de Limia supervisaban hoxe esta actuación, cun investimento de 717.000 euros

 

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), acompañado do alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, acompañados de varios membros da corporación municipal, visitaban hoxe o mosteiro de Bon Xesús de Trandeiras para supervisar a finalización das obras de consolidación de infraestruturas hidráulicas e de reconstrución deste elemento importante elemento patrimonial situado na Limia.

O mosteiro de Bon Xesús, orixinario nas súas partes máis antigas do ano 1523, está incluído no Plan Básico Autonómico e no plan urbanístico municipal con nivel de protección integral. No conxunto de construcións que forman o mosteiro destaca o sistema de abastecemento de auga, formado por varias fontes e captacións, conducións e depósitos en estado de grave deterioración.

“Procedeuse á consolidación dun conxunto arquitectónico que dispón do sistema hídrico máis importante do noroeste peninsular neste tipo de construcións”, explicaba o presidente da confederación.

Proxecto executado

Para paliar esta situación, procedeuse á consolidación dos restos que se conservan deste conxunto monacal e das súas infraestruturas hidráulicas, nos preto de 500 metros de canalizacións; incluída a retirada, clasificación e provisión de materiais desprendidos da propia fábrica do edificio, así como de terra e outros restos, que nalgún punto alcanzaban varios metros de altura.

 

 

A continuación, consolidáronse as coroacións de todos os muros en mal estado, volvendo montar, cos materiais existentes in situ, os muros que resultaban de evidente reconstrución. Retirouse e limpou toda a vexetación dos elementos pétreos do edificio, consolidando todas construcións para frear a súa deterioración e facer posible a visita do público.

“Hai que destacar que nesta fase de limpeza, consolidación e recolocación de elementos, identificáronse estruturas e elementos non visibles anteriormente, entre as que destacan especialmente o lavatorium, na esquina norte do patio do claustro, e a ampla tenería, situada ao sueste do edificio principal”, concretan dende a confederación.

Todo o traballo foi documentado e coordinado coa axuda dun arquitecto e un arqueólogo, especialistas en intervención en edificios históricos, xerándose información extraordinariamente importante para comprender a vida neste tipo de comunidades.

A obra finalizou coa instalación de portas nos accesos e a pavimentación, balizamento e sinalización, nun percorrido no que en próximos días instalaranse paneis informativos do conxunto, que farán posible as visitas didácticas do mosteiro e o seu conxunto.

“En definitiva, pódese afirmar que nesta primeira fase iniciouse o camiño de posta en valor dunha infraestrutura patrimonial singular, que abarca uns 2000 m2, á que se dotou das garantías necesarias para ser visitable”, sinalaba Quiroga. “Rescatamos do esquecemento un importante e simbólico elemento patrimonial e cultural do século XVI, que en si mesmo valoriza a auga como elemento crave nas actividades diarias, na economía e no desenvolvemento das civilizacións”, concluía o presidente da CHMS.

Artigos relacionados

Back to top button