
O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) convoca a I Olimpíada de Bioloxía da ESO de Galicia, dirixida ao alumnado de 4º curso de Educación Secundaria Obrigatoria co obxectivo de “estimular na mocidade galega o gusto polas ciencias biolóxicas e pola investigación e para elo esta e as seguintes edicións terán como sede os espazos de interés natural da nosa comunidade”. Nesta primeira convocatoria faino coa importante colaboración do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel que abrangue os concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, coa participación de 593 estudantes de 45 centros públicos, concertados e privados das catro provincias galegas.
Un comité académico organiza o proceso, coordinado pola profesora Iria Chapela, docente do CPI Cova Terreña de Baiona, responsable das distintas fases teóricas e prácticas desta gamificación da Bioloxía.
A primeira fase, a finais de abril, será telemática, e nela os case 600 estudantes realizarán unha proba sobre coñecementos e destrezas de Bioloxía adquiridos ao longo da Educación Secundaria Obrigatoria, cun enfoque competencial, ademais de repasar os conceptos fundamentais das ciencias da vida. Desta fase seleccionaranse os 10 estudantes con maior puntuación, que encabezarán 10 grupos de 3 estudantes, un por cada un dos dez centros gañadores. Polo tanto, a fase final enfrontará grupos colaborativos.
Os grupos finalistas acudirán ao Xeoparque Montañas do Courel o sábado 30 de maio. Alí realizarán probas teóricas e prácticas nas instalacións do IES de Quiroga. O Departamento de Ciencias Naturais do instituto quirogués colaborará poñendo á disposición da organización os seus equipos, cooperación e instalacións. Na mesma xornada coñecerase o equipo gañador de Galicia. Ao longo do día tamén haberá outras actividades lúdicas e divulgativas organizadas polo Xeoparque, coordinadas polo xeólogo da entidade, Roi Sampedro.
O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia comeza este ano no Xeoparque a competición da ESO, logo dunha ampla tradición na organización da Olimpíada de Bioloxía de Bacharelato, que xa suma vinte e unha edicións. Precisamente, os tres gañadores galegos da fase de Bacharelato desfrutarán, en xuño, dunha visita guiada con especialistas ao Xeoparque Montañas do Courel froito do convenio entre o COBGA e o Xeoparque.
Pablo Fernandes, xerente do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia afirma que, “o Colexio de Biólogos ten entre as súas funcións a promocionar e fomentar o progreso da bioloxía, o desenvolvemento científico e técnico da profesión, así como a solidariedade profesional e o servizo da profesión á sociedade polo cal considera que é un deber organizar estas probas como fontes de vocacións científicas. Por outra banda non podemos mais que agradecer a implicación do Xeoparque UNESCO Montañas do Courel coa olimpíada de bioloxía de bacharelato e con esta a I Olimpíada Galega da ESO, froito do convenio citado”.
O presidente do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, Roberto Castro, afirma que “é unha satisfacción que o Colexio Oficial de Biólogos teña elixido este territorio como o lugar onde arranca a historia da Olimpíada de Bioloxía de Galicia de educación secundaria obrigatoria. Será un pracer recibir, no mes de maio, aos 10 mellores centros educativos galegos e os 30 mellores estudantes na primeira fase da proba. Os concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil teñen moito que ofrecer desde o punto de vista natural, social e cultural, e esta convocatoria será unha nova oportunidade de amosalo á sociedade galega”.
Luis Fernández, membro da xunta directiva da Olimpiada Española de Biología-OEB e delegado docente de España na Olimpiada Iberoamericana de Biología, felicita ao Colexio Oficial de Biólogos de Galicia por “ampliar esta competición científica ao alumnado máis novo que remata a ESO, facilitando así que moita máis rapazada poida achegarse a esta oportunidade de gozar do tempo libre a través das ciencias biolóxicas e da investigación. Son só algunhas comunidades autónomas as que, como é o caso de Galicia, se animan a adiantar este tipo de actividades no marco da Olimpíada Española”.