CulturaCulturaÚltima hora

68 poemas optan ao VIII Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán

Na gala, á autora do cartel deste ano, a artista ruesa Clara Quiroga, entregará á Fundación o cadro orixinal no que se basea

Clara Quiroga, autora do cartel desta edición do Premio de Poesía FDG.

 

Tras sete edicións, o VII Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán chegaba con importantes novidades. A primeira, que cada persoa podía presentar un único poema candidato que debía ser inédito, escrito en galego e cun máximo de 50 versos. O obxectivo deste cambio, como destacou a xerente da Fundación, Débora Álvarez Moldes, era que “o recoñecemento fose para unha voz poética máis que para unha obra concreta”. Pois ben, unha vez rematado o prazo de presentación de obras e revisada a documentación dos candidatos, a elección do premio estará entre 68 voces poéticas en galego.

Entre elas decidiranse os tres poemas finalistas que se darán a coñecer antes do 1 de setembro, os cales, tamén como novidade, xa se poden considerar premiados. O segundo cambio incorporado á convocatoria deste ano é que ao premio principal de 3.000€ ao mellor poema, se suman un segundo premio de 500€ e un terceiro de 300€. O reparto coñecerase na gala poética que se celebrará o sábado 19 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco. Nela, terán protagonismo os poemas finalistas e os seus autores e autoras, así como o xurado que se vai encargar de escollelos.

O xurado do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán reúne un ano máis artistas, literatos e activistas culturais de diferentes xeracións. Nesta ocasión, a tarefa de dedicar o verán a poesía valorando os poemas candidatos téñena: Lúa Mosquetera (Miño, 1988), creadora da nova poesía galega cunha proposta marcada polo feminismo, a oralidade e a experimentación escénica; Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, 1958), poeta, editor e gañador da anterior edición deste Premio; a poeta, dramaturga e actriz valdeorresa Fátima Delgado (O Barco, 1981); o docente e escritor Raúl Gómez Pato (Ourense, 1966), quen destaca polo seu labor como tradutor e director da colección Vetera da Editorial Rinoceronte; e Sara Faro (Vigo, 2001), música, dramaturga e creadora escénica, integrante do grupo musical Fillas de Cassandra.

Ademais do xurado, na gala darase protagonismo á autora do cartel deste ano, a artista ruesa Clara Quiroga, quen entregará á Fundación o cadro orixinal no que se basea.

Back to top button