Tras un verán marcado polos incendios forestais que arrasaron á comarca, Valdeorras demostra unha vez máis a súa capacidade de resiliencia e solidariedade acollendo a 8ª edición da Carreira e Andaina das Cidades contra o Cancro de Páncreas, que se celebrará o domingo 23 de novembro.
Promovido a nivel nacional por ACANPAN (Asociación de Cancro de Páncreas), AESPANC (Asociación Española de Pancreatología) e AEG (Asociación Española de Gastroenterología), en Vilamartín de Valdeorras está organizado por ACAPAVAL (Asociación Cancro de Páncreas de Valdeorras), coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, a Delegación Valdeorresa de Atletismo e José López “Parra”, e o incondicional apoio do Concello de Vilamartín onde tiña lugar a presentación na mañá deste martes 4 de novembro a tres semanas do gran día.
“É un gusto que con esta carreira Vilamartín esté á altura de cidades tan importantes como Madrid, Valencia ou Alicante, polo que queremos dar as grazas sobre todo a Eva, Belén e Patri porque levan xa moitos anos loitando e dando unha lección do que é ese carisma por facer que a cousas como esta se lle dé a importancia que merece”, dixo emocionado o alcalde Enrique Álvarez, destacando que malia dubidar se facela este ano polo estado dos montes tralo lume “máis que nunca temos que estar aí, agora por dobre motivo, o cancro e o lume, para darlle visibilidade porque segue supoñendo un problema para todos os concellos pero sobre todo para o noso que é dos que máis afectado se viu”.
Na presentación tamén estaba o asesor de Política Deportiva da Deputación de Ourense, Diego Enrique Álvarez, quen reiteraba o agradecemento á organización “non só a nivel deportivo pola participación tan elevada que ten senón por sensibilizar sobre a loita por unha causa tan importante como é o cancro de páncreas”, convidando á xente a que participe na carreira.
De ACAPAVAL estaban Belén Gómez (presidenta), Patricia González (tesoureira) e Eva Iglesias (secretaria), sendo esta última quen daba as grazas a todo o apoio que levan recibido dende o principio, sen tería sido imposible levalo a cabo. “Temos forzas e vontade de seguir con isto mentres os datos de diagnóstico e previsión do cancro de páncreas non cambien porque é como unha cruzada persoal”, dixo, asegurando que as representa a elas e a todas as demais carreiras porque “todos estamos vinculados por unha causa persoal e o que pretendemos é que ninguén volva pasar por unha situación como a que nós vivimos no 2018 porque é moi duro e polo que vemos, tristemente, séguese repetindo”.
Trátase dunha proba totalmente voluntaria coa que se envorcan centos de persoas para levala a cabo e que en cada edición (salvo o ano pasado que non chegaron aos 900), ronda entre os 1.000 e os 1200 participantes, e cuxa recadación irá destinada integramente á investigación do cancro de páncreas.
Da carreira en si falaba Manuel Rodríguez, delegado Federación Galega de Atletismo en Valdeorras, lamentando a ausencia de José López “Parra”, o creador do percorrido que será o mesmo do ano pasado, con dúas distancias: a carreira e unha andaina de 13 km, por sendeiros e algo máis dura e unha andaina curta de 7,5 para todos os públicos, incluso xente con carriños. Mireia Rodríguez, secretaria da Delegación, destacou o poder de convocatoria das promotoras. “Son moi persistentes, moi traballadoras,… polo que conseguen mobilizar a moita xente”, dixo, explicando que existe unha Fila 0 para todo aquel que queira aportar aínda que non corra.
As inscricións (12 euros) continúan abertas e pódense realizar a través das canles habituais:
– Online en https://carreracancerpancreas.es/carrera-vilamartin/ ou en Carreiras Galegas.
– Presencial: nos diferentes puntos de inscrición habilitados en distintos concellos da comarca: Cool Balea (A Rúa; Fimar (Vilamartín); Garoba, Pizpireta, Trisport e Ton y Son (O Barco); e Librería Teresita e Trastos (Rubiá).
Axuda para repoboar os montes queimados
Nesta ocasión, aproveitando a carreira que volve a finais de novembro, os participantes colaborarán na repoboación dos montes queimados en Vilamartín. Para iso, repartirán bolsas con sementes de árbores autóctonas para que as sementen durante o percorrido. Un pequeno gran xesto en defensa de Valdeorras.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.