
Na mañá deste xoves 28 de agosto, San Clodio, un lugar do Xeoparque UNESCO Montañas do Courel e da Ribeira Sacra, castigado aínda con dureza polos lumes, era testemuña do contrapunto ambiental protagonizado polos nenos e as nenas que se están despedindo do campamento de verán do Concello de Ribas de Sil.
Tal como explican dende o Concello de Ribas de Sil, ao rematar a ponte de Santiago, no pasado mes de xullo, Sara Girlesa, traballadora exemplar do servizo de limpeza do Concello de Ribas de Sil, recolleu todas as cabichas que atopou polas rúas de San Clodio. “En tan só tres días recolléronse algo máis de 900 restos de cigarros de todo tipo, esparexidos polo chan. Son máis que os habitantes que ten a poboación”, din.

Unha cabicha de cigarro pode parecer algo pequeno, pero é un dos refugallos máis contaminantes. “O seu filtro contén acetato de celulosa, un plástico que tarda máis de dez anos en degradarse. Ademais, acumula metais pesados e restos tóxicos da combustión do tabaco, que ao chegar á auga ou ao chan liberan substancias nocivas. Isto afecta á fauna mariña e terrestre, que pode inxerilas accidentalmente. Por iso, unha soa cabicha mal xestionada contribúe á contaminación ambiental de forma desproporcionada. Só é preciso que chova e que a cabicha chegue a unha alcantarilla, para que acabe no río e de aí na cadea alimentaria, podendo chegar os microplásticos ou os metais pesados ao sangue das persoas”, explican dende o departamento de Cultura de San Clodio.
Hoxe, os nenos e nenas do campamento “xuntaron os restos e quixeron mostralos á sociedade, pediron ás persoas fumadoras que deixen de fumar e, de non facelo, que polo menos se aseguren de que o resto chegue ao lixo”. Para iso simbolicamente e acompañados de Sara, depositáronos nos seus sitios como parte dos residuos sólidos urbanos, impedindo a súa diseminación polo medio natural.” Tamén aplaudiron o labor das traballadoras e traballadores do servizo de limpeza, representados por Sara no acto, quen, desbordando o seu traballo habitual, teñen que recoller do chan residuos que non deberían estar aí, como cabichas ou cascas de pipas.

Esta actividade é un encargo do alumnado do CEIP de San Clodio que o Día Mundial do Ambiente, coa axuda dos seus docentes, pediu ao Concello e á cidadanía evitar este tipo de contaminación, que pode pasar desapercibida pero que resulta dun impacto elevado.
Segundo os datos do Concello, os campamentos de verán reuniron este ano a máis de 40 nenos e nenas, de San Clodio e doutros lugares que pasan alí o verán. Guiados polos monitores Iván e Claudia, e coa axuda de oito voluntarios e voluntarias, tentaron que a rapazada desfrutase aprendendo, facendo que a conciencia social e ambiental formase parte da programación. A concelleira de Infancia, Xuventude e Voluntariado María del Carmen González agradeceu publicamente a súa implicación. “Esta actividade, case para rematar o verán, pretendeu que os máis novos puidesen transformar en feitos positivos o malestar, incluso a raiba, das últimas negras xornadas de lume. Non todo é fume”, destacan.