Ourense

Arias Cañete visita Ourense

O ministro de Agricultura, na posta en funcionamento da ETAP de Ourense
O alcalde ourensán, co ministro de Agricultura.
O alcalde ourensán, co ministro de Agricultura.

Visitas a empresas cooperativas, reunión coas organizacións agrarias e posta en funcionamento da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Ourense. O ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete, pasaba o 15 de xaneiro na capital da provincia cunha intensa axenda de actos. Xa ás dez da mañá chegaba á empresa Coren, situada en Santa Cruz de Arrabaldo, e percorría as súas instalacións acompañado polo presidente da empresa, Manuel Gómez-Franqueira, así como por diversas autoridades, entre elas, a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, e o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez.

A continuación, o ministro desprazábase ata o Camiño Real de Cudeiro, nas Coiñas, para asistir á posta en funcionamento da ETAP de Ourense. Neste acto participaban asemade o alcalde de Ourense, o conselleiro de Medio Ambiente e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, entre outras autoridades. O rexidor ourensán, Agustín Hernández, destacou que esta nova estación de tratamento de augas garantiza o abastecemento a unha poboación de 140.000 habitantes e que, ao mesmo tempo, “mellora o abastecemento de auga a Ourense en cantidade e seguridade”.

Arias Cañete amosaba a súa satisfacción pola posta en marcha da ETAP, “unha das principais obras enmarcadas nas actuacións de mellora de abastecemento de auga a Ourense” e que supón unha inversión total de case 29 millóns de euros nas súas dúas fases. “A primeira, a que inauguramos, é unha actuación na marxe dereita do Miño e a nova ETAP nas Coiñas, cun caudal de tratamento de 200 litros/segundo, ampliable a 300 litros/segundo, con catro depósitos de regulación, dúas estacións de bombeo e máis de 7 km de conducións en ambas marxes do río”. Na segunda fase realizaranse obras adicionais, “cuxo proxecto construtivo está en fase de supervisión técnica, dirixidas a ampliar e mellorar as conexións das novas obras coa rede de distribución de augas de Ourense mediante case 10,5 km de novas conducións”, engadía Arias Cañete. Este proxecto está promovido por Acuaes en colaboración co Concello de Ourense.

Texto: A.R./Ourense Foto: Carlos G. Hervella

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button