Entre as cuestións que se lle formulaban ao grupo de goberno socialista do Barco durante o pleno de marzo celebrado, celebrado nesta tarde, había unha pregunta do PP sobre a reparación da cuberta do pavillón polideportivo de Calabagueiros e tamén do seu parqué. “Preguntóuselle no mes de xaneiro sobre este tema e a súa resposta foi que a partir da Festa do Botelo íase a proceder a realizar unha reparación da cuberta, que xa estaba adxudicada a obra e pedido o material, entón ¿cando se vai realizar este arranxo posto que agora tamén está deteriorándose o parqué?”, indicaba o concelleiro do PP, José Luis Tamayo.
O alcalde do Barco, Alfredo García, aseguraba que “a obra está adxudicada. Eu falei coa empresa a semana pasada e aí estamos. Penso que xa será pronto, pero non podo poñer unha data”.
O edil popular matizaba que “estamos falando de dúas partes que son ben diferentes, unha é a cuberta, por onde entra a humidade, e outra é o pavimento, a área deportiva. Se o pavillón na zona de área deportiva non está en condicións de uso igual é convinte pechalo durante ese período ata que se executen as obras”.
Pola súa banda, o rexedor apuntaba que se comprobaría “se dentro da cancha hai problemas ou se están fóra da cancha, en todo caso xóganse partidos federados nela e hai unhas arbitraxes que, se iso non estivera en condicións, nolo dirían”.