
Fomentar a curiosidade científica e o afán por experimentar entre os estudantes, así como promover a convivencia entre centros de ensino. É a pretensión na que se basea, un ano máis, e xa van 16, a Feira das Ciencias do IES Carlos Casares de Viana do Bolo que se celebrará o vindeiro 21 de maio. Nesta edición esta iniciativa educativa reunirá a máis dun cento de escolares de primaria e secundaria da comarca de Viana. Así contarase coa asistencia de alumnado e profesorado dos CEIPs Bibei da vila vianesa e Augusto Assía da Mezquita e co CPI Laureano Prieto da Gudiña.
Esta XVI Feira da Ciencia terá unha dinámica semellante á de anos anteriores e comezará a partir das 10h. Os alumnos agruparanse e desenvolverán os seus diversos experimentos en diferentes partes do instituto, en función das características dos mesmos.
Unha das novidades desta edición será o cambio de nome do Club de Ciencia do IES Carlos Casares que agora pasa a chamarse Miguel Arranz, en homenaxe o profesor de física que creou a Feira das Ciencias e que pasou a meirande parte da súa traxectoria como docente neste centro vianés.