Unha persoa perdía a vida esta tarde tras ser atropelada por un autobús en Ourense. “Pouco antes das 13:30 horas de hoxe, varios particulares fixeron uso do teléfono único de emerxencias para avisar dun accidente en Cudeiro, concretamente no quilómetro 242 da N-525. Segundo a información recollida polo 112 Galicia, unha muller fora atropelada por un autobús urbano. Cómpre sinalar que un dos alertadores indicou que a vítima atopábase en estado grave”, segundo informa o 112 Galicia.
Con estes datos, os xestores do 112 Galicia informaron do suceso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Ourense, Policía Nacional e Local, Garda Civil de Tráfico e Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ourense.
“Nunha nova comunicación entre o 112 Galicia e as urxencias sanitarias, estes últimos confirmaron o falecemento da muller logo de ser atropelada”, asegura o 112 Galicia. Os profesionais das urxencias sanitarias nada puideron facer por salvarlle a vida.
