O valdeorrés Carlos Revuelta Parra vén de defender a súa tese doutoral, titulada “Patróns fisiolóxicos e de rendemento en ciclistas de diferentes categorías”, dirixida polos profesores, David Barranco, Lidia Brea e Pedro Luis Valenzuela. Facíao o pasado 24 de xullo, na Universidade Europea de Madrid, da que profesor desde fai seis anos. Revuelta realizaba a súa tese nos dous últimos anos, por compendio de catro artigos científicos publicados en 2 revistas clasificadas na categoría Q1, e outras 2, na categoría Q2.
O tribunal estivo composto polos doutores en Ciencias da Educación Física e Deporte, Xabier Muriel, Xabier Artetxe e David Viejo, os dous primeiros recentemente chegados do Tour de Francia como preparadores dos equipos profesionais de ciclismo, “Movistar” e “Ineos”, respectivamente, e o terceiro, codirector do Master en fútbol da Escola Universitaria do Real Madrid.
Carlos Revuelta defendeu a súa tese durante 45 minutos e posteriormente foi sometido a unha batería de preguntas por parte dos membros do tribunal durante outra hora e cuarto. O acto foi seguido por máis de medio cento de profesores universitarios e técnicos deportivos interesados na materia.
Tras as pertinentes deliberacións o tribunal decidiu cualificar ao doutorando coa máxima cualificación, “sobresaliente cum laude”, anunciando que o proporá para que sexa recoñecido como “Premio extraordinario”.
Nos seus agradecementos, Carlos Revuelta Parra, natural do Barco, sinalou a súa gratitude “por nacer na terra máis marabillosa que existe, empaparme das súas augas e por inocularme o seu veleno. Porque estou feito do seu barro, e moldeado do seu aire. Enorgulléceme dicir que son de Valdeorras, e sempre foi un estímulo e motivación o criarme nesa Sacra terra”.
Fotos cedidas.

