O Ecoespazo do Rexo recibía neste 27 de xullo a decenas de persoas para festexar o vixésimo quinto aniversario deste recuncho tan especial de Allariz. Coñecido agarimosamente como “O Rexo” pola veciñanza, este espazo emblemático resultaba dunha intervención artística do artista vasco Agustín Ibarrola, falecido no 2023. A obra inaugurouse nunha máxica noite de San Xoán no ano 1999.
A xornada festiva comezaba ás 19:00 horas con varias visitas teatralizadas, a cargo de Xeitura, baixo o título “Coñecemos o Escoespazo”, que incluíron algunhas sorpresas para quen asistiu. Despois, dábase paso á presentación unha mostra dedicada ao Ecoespazo, á súa creación e evolución ao longo destes 25 anos.
Ao acto asistían a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid; o tenente de Alcaldía, Bernardo Varela; o concelleiro de Cultura, Alberto Conde; e o xerente do Ecoespazo O Rexo, Anxo Quintana, que inauguraron a exposición e lembraron con agarimo a figura de Agustín Ibarrola antes as persoas asistentes ao evento.
Cristina Cid desculpaba a ausencia da familia de Ibarrola, e a lembraba que están a piques de comezar os traballos de restauración da obra do artista vasco, na que a empresa pinturas Proa colabora doando os materiais.
A xornada concluía cunha cea popular na que, previa reserva, todas as persoas presentes puideron degustar produtos locais, como o cordeiro e o queixo de O Rexo así coma outros produtos de proximidade. A cea estivo amenizada con música e un ambiente festivo de foliada no que máis de duascentas persoas gozaron desta cea organizada polo Rexo, coincidindo co XXV e a Festa da Seca.
A Festa da Seca, segundo explica o xerente do Rexo, “é o remate do ciclo de produción de leite das ovellas. Este ciclo comeza logo dos partos, ao redor do mes de xaneiro e remata agora en xullo. Dende a Queixería do Rexo, localizada ao carón do Ecoespazo do Rexo, levan un par de anos celebrando esta Festa como fin do traballo dos pastores durante toda esta tempada”.
Dende o Concello de Allariz ofreceuse un servizo de autobuses gratuíto, que comezou a ruta Allariz-O Rexo ás 18:30 horas. Ao finalizar a cea, entre as 23:00 e as 00:00 horas, as persoas puideron regresar comodamente a Allariz.
Tanto dende o Concello de Allariz como dende a Fundación Ramón González Ferreiro agradecen a todas as persoas que se achegaron a este evento, o XXV aniversario do Ecoespazo do Rexo.

