A Deputación de Ourense vén de adquirir tres novos ecobarcos, por importe de 141.388,5 euros a través do Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal”, que ofrecerán un novo servizo turístico nos embalses de Castrelo de Miño e Frieira. Estas embarcacións foron presentadas hoxe no Parque Náutico polo presidente provincial, Luis Menor; o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o subdelegado do Goberno, Eladio Santos.
Estas tres novas embarcacións, que xunto ás dúas anteriores que xa están en funcionamento en Muíños e Arnoia, “completan este servizo que vén a diferenciar a oferta no territorio con maior potencial termal de Europa como é Ourense”, destacou Luis Menor.
O barco que estará operando en Cortegada denomínase “Miñoto” en alusión a outro dos grandes atractivos turísticos da provincia como é o Camiño onde a navegación está permitida durante todo o ano. Para elo, crearanse rutas que realicen un ensamblaxe turístico entre o Camiño Miñoto e o termalismo, “aglutinando recursos para facer máis atractivo o noso destino aos potenciais visitantes”, sinalou Luis Menor.
As outras dúas embarcacións que se poñerán en funcionamento en Castrelo de Miño denomínanse “Espírito Ribeiro”, que exalta a tradición vitivinícola da comarca, e “Moura” que fai alusión á cultura castrexa que atesoura este territorio. Ambas poderán navegar desde xuño ata finais de setembro nunha ruta circular no centro do encoro.
Ademais, tal e como anunciou o presidente provincial, a Deputación porá en marcha un proxecto piloto a través do Inorde cos servizos turísticos que conforman a oferta do destino “Ourense Termal” nesta zona para crear experiencias sostibles que poidan ofrecerse ao público na vindeira tempada. Neste sentido, Luis Menor destacou que para o goberno provincial é “vital traballar da man co tecido turístico para levar a cabo as nosos políticas públicas enfocadas a promover un crecemento sustentable e baseado na calidade”.
Embarcacións respectuosas co medio e accesibles
Estes ecobarcos, ao igual que os anteriores, están especialmente deseñados para ser respectuosos co medio. Teñen capacidade para oito persoas e con accesibilidade para persoas con mobilidade reducida. Contan con propulsión eléctrica, evitando así a emisión de contaminantes e xerando pouca ola para protexer tamén a fauna e a flora dos ríos polos que navega.
Os obxectivos desta actuación enmarcada no Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal” son: crear un sistema de mobilidade turística sostible, incrementar as actividades complementarias á oferta termal; impulsar o ensamblaxe de produtos turísticos e incrementar a estadía media no destino, explicou o presidente provincial.
O PST en “Ourense Termal” estase a materializar ao longo das anualidades 2022-2024 nos 15 municipios rurais termais da provincia, a través dun convenio entre a Deputación de Ourense, a Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
O termalismo
O termalismo constitúe “un dos elementos máis atractivos, notables e singulares en termos de reclamo para a chegada de visitantes” a Galicia, “e, en especial para a provincia de Ourense”, aseguraba o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles esta mañá en Castrelo de Miño, durante a presentación no Parque Náutico de Castrelo dos novos ecobarcos orientados a uso turístico que navegarán por diversos encoros ourensáns.
Este acto contaba ademais coa participación do subdelegado do Goberno na provincia, Eladio Santos; o alcalde de Castrelo do Miño, Avelino Pazos, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, entre outras autoridades.
A promoción das infraestruturas e recursos termais de Galicia é, precisamente, unha prioridade para Turismo de Galicia. Coa creación de Área Termal de Ourense, integrada na nova oficina de turismo da Xunta na cidade das Burgas, recentemente inaugurada, esta aposta consolídase.
Neste sentido, tal e como lembrou Xosé Merelles, “os recursos e as infraestruturas termais galegas seguen a ser impulsadas” e promocionadas “no marco do Plan Territorial Vilas Termais e Cascos Históricos”, que a Xunta de Galicia está a executar ata 2026 e que promove o turismo termal e histórico-cultural sostible “na nosa comunidade” a través de actuacións, iniciativas e propostas concretas por un importe global de 23,2 millóns de euros.
“Favorecer o termalismo como elemento propulsor socioeconómico do territorio, sobre todo nas zonas rurais e nas vilas intermedias, coa creación de produtos específicos arredor del posibilitará que sigamos avanzando pola senda da calidade turística na nosa comunidade”, unha premisa que vertebrará a futura Estratexia Galega de Turismo 2024-2030, concluíu o director.
Termalismo en Galicia
No último informe de datos de ocupación hoteleira en turismo termal en Galicia, que abrangue o período comprendido entre xaneiro e maio, destaca o forte crecemento do segmento internacional que experimentou unha variación anual dun 16% en termos de viaxeiros. Así, o número de turistas estranxeiros aloxados nos establecementos que conforman a oferta aloxativa termal galega sitouse en 8.101 persoas, xerando un total de 17.7676 noites segundo o INE.
Plan Sostibilidade Turística Ourense Termal
Durante a presentación dos novos ecobarcos, o subdelegado do Goberno destacou do Plan de Sostibilidade Turística en Ourense Termal “o seu carácter innovador e transversal, que engloba ata 15 concellos da provincia, co cal desenvolve un gran espazo de actividades turísticas en diferentes zonas, o que leva aparellado un desenvolvemento económico máis integral a partir dos recursos turísticos”.
Así mesmo, Eladio Santos explicou que esta iniciativa estatal “ten como obxectivo dar resposta ás necesidades e preferencias do turista do século XXI que non busca só un espazo turístico, se non desfrutar do entorno autóctono, de recursos públicos vencellados ao territorio e, sobre todo, de experiencias únicas, e a partir de aí os plans de sostibilidade ofrecen recursos moi versátiles. No caso de Ourense, ademais de gozar do termalismo, tamén se pode desfrutar de turismo deportivo no embalse de Castrelo de Miño, turismo de aventura, do noso patrimonio natural, artístico e, por suposto, dunha excelente gastronomía, que inclúe o enoturismo”.
O subdelegado non quixo rematar sen felicitar á Deputación de Ourense “pola súa excelente execución deste Plan, que está en pleno funcionamento e que será capaz de atraer a inversión privada, que é a que ten que impulsar e dinamizar, a partir do motor turístico, outros sectores, así como a economía do interior, o mundo rural, fixar poboación e loitar contra a despoboamento”.