A VeigaConcellosÚltima hora

Cita coa astronomía o 30 e 31 de agosto na Veiga con AstroTrevinca

 

Na vindeira fin de semana, 30 e 31 de agosto, celebraranse na Veiga as Xornadas de AstroTrevinca, que chegan a súa décima edición, tras un ano de pausa pola pandemia en 2020. “O que comezou como unha reunión de compañeiros de afección, foise transformando nun evento con cada vez maior prestixio e contido. Durante dous días e as súas respectivas noites e na magnífica contorna do Centro Astronómico de Trevinca, realizaranse diversas actividades para seguir argumentando o motivo polo que a Astronomía é unha das ciencias que xeran máis interese na sociedade”, adiantan dende o Concello da Veiga.

Trevinca é o primeiro Destino Turístico Starlight de Galicia e un dos mellores lugares da Península para ver o ceo estrelado, grazas ás súas condicións de escuridade e transparencia. E estas xornadas supoñen unha oportunidade para descubrilo. O seu programa inclúe conferencias de diversas temáticas, desde a Cosmoloxía ata astronomía antiga, así como as misións espaciais no Sistema Solar ou a visión cultural e popular da astronomía no mundo.

Os relatores nesta edición son:

Paolo Benincasa, investigador en física teórica de partículas e cosmología.
César González García, doutor en astrofísica e especialista en astronomía na cultura.
Alejandro Cardesín, Enxeñeiro en Telecomunicacions . Doutor en Ciencias e Tecnoloxía Espacial.
Pablo Martínez @Alemparte, licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) con especialidades en Arqueoloxía, Prehistoria e Historia Antiga.

Tamén se aproveitará o Planetario dixital 4K do centro para realizar unhas sesións guiadas por Óscar Blanco sobre o ceo estrelado. Ademais, faranse dúas observacións nocturnas, con explicacións por parte de expertos e coa participación de afeccionados á astronomía de Galicia e de fóra da comunidade. Así mesmo haberá tempo para as observacións diurnas do sol cun telescopio específico, sendo ademais un momento moi favorable para ver a gran actividade solar.

A organización das xornadas corre a cargo de Óscar Blanco e Ricardo Lago e do Concello de A Veiga e a Oficina de Turismo.

Back to top button