
O Teatro Principal da Deputación de Ourense acollerá a estrea, en versión orixinal en galego, da ópera de Brais González “A Loba Branca”, que foi estreada no ano 2022 en Italia. Está baseada nun conto tradicional galego, recollido por Vicente Risco, que foi estreada en italiano con moito éxito.
A través desta historia, Brais González trata nesta ópera temas de gran relevancia como as complicadas relacións coa contorna natural, o respecto á natureza, a honra ou a vinganza. A estrea está prevista para o 27 de setembro ás 21h. no Teatro Principal de Ourense.
A obra foi presentada hoxe polo director da área de Cultura e Deporte da Deputación, Marcos Vázquez; a presidenta da Fundación Vicente Risco, Celia Pereira; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid; o coordinador da xornada “A música ten ondas como o mar: A Música e Vicente Risco”, Xosé Rodríguez; o guitarrista, investigador e coordinador das xornadas, Samuel Diz; e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.
Esta estrea enmárcase na xornada “A música ten ondas coma o mar. A música e Vicente Risco”, que se celebrará o vindeiro 28 de xullo en Allariz, na sede da Fundación Vicente Risco, e que tamén inclúe a reestrea da mandolina REX que se conserva esta entidade, grazas á colaboración con Artesanía de Galicia. Esta xornada aborda os aspectos materiais e inmateriais do legado de Vicente Risco e a súa esposa María del Carmen Fernández Gómez.