
A Galería Dodó Dadá acollía esta mañá a presentación do programa completo da I Edición de Estudios Abertos Ourense, evento que nace da Asociación Cultural A Maquinadora, e que conseguiu, coa implicación das entidades e empresas participantes, coordinar a primeira acción destas características no contexto da arte contemporánea ourensá.
Na presentación, á que asistía unha nutrida presencia de público, participaba o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que destacou a posición referencial que supón este evento como apertura da temporada cultural a nivel autonómico. “Estes días vimos de presentar en Santiago a apertura de temporada da asociación de galerías Contemporánea, e pensamos que este evento desde Ourense está chamado a ser unha cita ineludible no contexto da arte galega”, manifestou, ao tempo que comprometeu o apoio da Xunta de Galicia para que esta edición sexa a primeira dunha cita consolidada no tempo.
Tomás Lijó, xefe de Departamento de Comunicación, Imaxe e Son do CIFP A Farixa, salientaba que “proxectos como este, que nacen da motivación, o entusiasmo e o esforzo de alumnado e ex-alumnado do noso centro, son un orgullo para nós e conectan cunha maneira de entender a formación profesional en relación coa contorna, coa comunidade, coas empresas, coa cidadanía e neste caso especialmente co mundo cultural a través do sector das artes plásticas da cidade”.
O CIFP A Farixa ten asinado un acordo de colaboración co evento que permitirá que alumnado actual do centro poda colaborar con ex-alumnos e profesionais en activo no contexto dun proxecto de produción real.
Viky Mociños, membro de A Maquinadora, presentaba aos participantes destacando e agradecendo a xenerosidade e implicación de todas as partes: artistas, Xunta de Galicia, CIFP A Farixa, e Fina Rei, principal patrocinador, que “aportaron os recursos mínimos cos que poder atrevernos a afrontar este proxecto que tanto nos ilusiona”.
A proposta, a modo de festival descentralizado, converterá a cidade de Ourense e algúns espazos dos concellos de Taboadela ou Coles, que tamén colaboran, nunha sorte de exposición ou feira descentralizada, permitindo á veciñanza e visitantes, achegarse a arte de primeira man, coñecer en primeira persoa aos creadores da nosa contorna e deste xeito contribuír a amosar un traballo que as máis das veces, pese á veciñanza, pasa por descoñecido para os máis próximos.
Viky Mociños desgranou a operativa do evento, no que o público poderá visitar de xeito libre e gratuíto calquera dos estudios participantes, espazos diseminados pola cidade e os seus arredores. Para elo, a través da páxina web www.estudiosabertos.com, poderán acceder a un mapa xeolocalizdo dos talleres, e toda a información sobre os espazos e os artistas participantes.
Vontade de tecer redes e sumar apoios
O proxecto, que “nace con vontade de continuidade”, é unha proposta de A Maquinadora, Asociación cultural sen ánimo de lucro constituída por ex-alumnos e comunidade educativa do ciclo de Produción de Audiovisuais do CIFP A Farixa e a participación confirmada para esta primeira edición de 20 artistas nun total de 14 espazos diseminados por toda a cidade e localidades próximas. A Maquinadora xurde coa vontade de canalizar inquedanzas no campo da produción e da acción sociocultural co foco posto na dinamización da cidade de Ourense e da provincia.
Esta I Edición será posible ao contar co apoio da Dirección Xeral de Cultura e co patrocinio de Fina Rei, se ben o equipo de produción do evento está a traballar para tecer unha rede de establecementos colaboradores e marcas enolóxicas e gastronómicas da provincia interesadas en asociar os seus produtos ao traballo das artistas e dos artistas ourensáns e así ofrecer unha experiencia única aos visitantes.