A TeixeiraConcellosÚltima hora

Unha ruta para mergullarse na beleza do Val de Abeleda (A Teixeira)

 

Natureza, patrimonio cultural e vitivinícola e gastronomía protagonizaban unha fermosa ruta polo Val de Abeleda (A Teixeira), interpretada por Surbia Natura. Tratábase dunha actividade de promoción  financiada polo GDR Sil-Bibei-Navea dentro do programa “Sábeme a…  Teixeira”, que se celebraba nesta xornada de 5 outubro.

Os participantes, procedentes de diferentes partes de Galicia realizaban unha ruta que partía esta mañá dende a igrexa de Santa María de Abeleda, pasando por diversos puntos de interese como a ponte e o cruceiro de Lumeares ou as fervenzas do Cachón. Un percorrido no que se facía fincapé na fonda tradición vitivinícola desta zona, así como na súa arquitectura tradicional, con singularidades como o uso da pedra ollo de sapo.

 

 

Despois do percorrido, tiña lugar unha visita a Adega Vella, pertencente á Denominación de Orixe Ribeira Sacra, onde os participantes no programa coñecían as súas instalacións e tamén desfrutaban dunha degustación de produtos da Teixeira e de concellos da zona, que coordinaba a xerente da adega, Marisol.

Entre os produtos que podían saborearse estaban a carne de tenreira á parrilla, os embutidos, empanadas da panadería dde Abeleda, bicas e unha selección de tres viños de Adega Vella.

Fotos cedidas.

 

Back to top button