OurenseÚltima hora

Posta en marcha do proxecto Padrón Online na provincia

O Ministerio de Política Territorial aprobou axudas para que as entidades locais procedan á transformación dixital e modernización do seu padrón municipal. Para iso, a provincia de Ourense recibiu en total 1.260.000 euros

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitaba esta mañá as instalacións do INE en Ourense, acompañado polo seu director provincial, José Manuel Gerpe, para achegarse ao traballo diario dos funcionarios e ás necesidades do organismo.

Santos aproveitou a visita para interesarse pola evolución do proxecto Padrón Online, posto en marcha polo Ministerio de Política Territorial co fin de ofertar axudas, que son recibidas polas deputacións provinciais e destinadas ás entidades locais de menos de 20.000 habitantes, para a transformación dixital e modernización do seu padrón municipal. As entidades maiores tamén se podían sumar a esta iniciativa a través dun convenio coa súa respectiva Deputación.

A este respecto, José Manuel Gerpe explicou que na nosa provincia adheríronse á iniciativa todos os municipios posibles, e no caso concreto do Concello de Ourense levouse a cabo mediante un convenio de colaboración coa Deputación provincial.

De acordo coa resolución publicada no BOE, o Ministerio de Política Territorial adxudicou a Galicia un total de 4.020.000 euros para esta finalidade, dos cales 1.260.000 euros foron destinados aos municipios ourensáns.

O Padrón Online consiste basicamente en dúas actuacións. A primeira busca elaborar dúas bases de datos separadas, unha de vivendas cun identificador baseado na referencia catastral, e outra de poboación. Pola súa banda, a segunda consiste en por en marcha un sistema de intercambio de datos de maneira que a actualización do padrón, que ata agora era mensual, se realice de xeito inmediato.

Deste xeito, o Padrón Online permitirá ofrecer un servizo público de similar calidade a todos os cidadáns, independente da capacidade técnica do seu Concello; as melloras sobre as aplicacións de xestión virán incorporadas nun sistema integrado común a todos os concellos, de forma que se evita o esforzo e recursos que ata agora aplicaba cada entidade local por separado; e, por último, permite coñecer a evolución da poboación en tempo real.

Back to top button