
Un grupo de veciños do municipio de Carballeda de Valdeorras están a facer unha recollida solidaria destinada a poboacións afectadas pola DANA na Comunidade Valenciana. “O venres 22 de novembro voluntariamente sairemos cun furgón directos para Catarroja e arredores”, adiantan.
Neste senso solicitan colaboración da veciñanza para poder reunir unha serie de produtos: máscaras, guantes, botas de auga, palas e cepillos grandes, produtos de limpeza (lixivía, deterxentes, lavavaixelas), produtos de hixiene persoal, toallas, roupa en boas condicións, mantas, conservas de comida e alimentos sen gluten. Iso si, matizan que non se aceptan doazóns económicas.
Os puntos de recollida serán o baixo de Arxentina, ao lado do Mesón Museo de Sobradelo, e a Cantina de Nati en Casaio. O horario de recolllida será de 10h. a 13h. e de 17h. a 19h. a partir do luns 11 de novembro e ata o 21 de novembro.
