O sector da lousa, un dos máis importantes da economía galega e líder a nivel mundial, estaba de celebración no mediodía deste 21 de novembro. O Clúster da Pizarra de Galicia reunía a empresarios vinculados a esta pedra natural, familiares, colocadores e tamén aos concellos nos que se produce na gala dos I Premios Pioneiros da Lousa, que se desenvolvía no Complexo Hostaleiro Paladium de Vilamartín, contando tamén coa presenza de diversas autoridades, de responsables do sector empresarial da provincia e da comarca, así como de representantes do mundo sindical, do deporte, do ensino e da cultura.
O acto de entrega destes premios, con tres apartados (colocadores, empresarios e concellos), iniciábase coa intervención do presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo, que daba a benvida e agradecía a súa presenza aos arredor de 200 asistentes. “Con este acto pretendemos lograr que perdure na memoria das xeracións presentes e futuras a estas persoas que iniciaron a súa actividade con medios moi rudimentarios e conseguiron facer deste sector un dos principais de Galicia. A lousa engloba a empresarios, a colocadores, a traballadores e a todas aquelas persoas que dalgún xeito teñen contribuído ao desenvolvemento deste sector. O noso máis sinceiro agradecemento e recoñecemento a todos eles”, explicaba Cobo.

Facía unha mención especial aos empresarios pioneiros e aos seus familiares, que “se teñen desprazado dende distintos puntos de España, a pesar da súa avanzada idade, pero fanno porque para eles este é moito máis que un acto simbólico, é un acto de recoñecemento e admiración”. Cobo lembraba así mesmo “ás mulleres deses pioneiros da lousa, que mentres os seus esposos traballaban elas foron capaces de coidar e sacar adiante á súa familia, en moitos casos familiares numerosas, a todas eles vaia por diante a nosa máis sinceira admiración. Moitas grazas”.
Víctor Cobo resaltaba ademais que, nesta primeira edición dos galardóns, estes tamén recaían nos 11 concellos produtores de lousa en Galicia, “pola súa decidida aposta e comprensión cara este sector, sen a súa colaboración e sen o seu diálogo sería moi difícil realizar a nosa actividade. Conscientes de que grazas á lousa os seus veciños teñen mellorado a súa calidade de vida e puideron darlle o mellor aos seus fillos e ás súas familias”.
A partir de aí dábase paso á entrega de recoñecementos, que se ía intercalando coa actuación da valdeorresa Nerea Jiménez, artista de Amava. Comezábase polos diplomas aos colocadores, e para iso subían ao escenario o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, xunto aos seus dous vicepresidentes, Daniel León e Jesús Vidal. Logo outorgábanse os diplomas aos empresarios que deron os primeiros pasos no sector da lousa, moitos deles xa falecidos e cuxos galardóns recollían os seus familiares, fillos ou esposas.

Xa na recta final do evento, outorgábanse os I Premios Pioneiros da Lousa a 11 concellos galegos con actividade extractiva da lousa, que eran recollidos polos seus alcaldes ou concelleiros: Ortigueira, A Fonsagrada, Mondoñedo, A Pastoriza, Lourenzá, Samos, Pol, Folgoso do Courel, Quiroga, Vilamartín e Carballeda de Valdeorras.

En nome dos concellos recoñecidos tomaba a palabra a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras e deputada provincial, María Carmen González, cun discurso que apelaba á importancia de lembrar á xenése deste sector e o seu desenvolvemento ata hoxe, así como o valor da incorporación das novas xeracións ao mesmo, cualificando este acto como un “momento inolvidable, hai moita emoción e custa atopar palabras para describila”.
A alcaldesa de Carballeda aseguraba que “somos moitos en presenza física, pero con nós están moitísimos máis, percorrendo a mirada por esas mesas temos aos que nos deixaron un legado de progreso e riqueza, material sen dúbida, pero aínda máis riqueza moral. Foron os pioneiros da louxa, os primeiros que saíron para levar a Europa un chisco da nosa terra, foron os primeiros que non ían emigrar, ao contrario, foron a dicirlle a Europa que tiñamos aportación industrial propia para o crecemento europeo. E fixérono sen títulos universitarios, sen tecnoloxías punteiras, non necesitaron de intelixencia artificial, senón que fixérono con intelixencia natural, con esforzo persoal, coa nobreza, forza e sabedoría que lle transmite a nosa terra nobre. Eles ensináronnos que o importante é ter traballo no entorno que nos viu nacer e que o traballo diario daba seguridade e progreso ás nosas familias”.

Uns pioneiros, proseguía María Carmen González, que están “aquí con nós e foi un pracer e unha honra vivir con eles e ser para eles a nena, intentar enchouparme das súas ensinanzas, pero tamén unha vez máis, teño que pedirlles algo aos que xa non están, se fostedes quen de deixar xeracións moi preparadas, axudarme a mentalizarnos a que veñan e lle digan ás xeracións que eles prepararon que saian dun estado de confort e volvan á súa terra”. Finalmente, a alcaldesa de Carballeda agradecía este galardón “que nos entregades como concellos produtores de lousa, levarémolo con orgullo aos municipios que representamos”.
Deseguido interviña o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, que poñía agradecía este tipo de iniciativas, na que se premia ao territorio a través dunha industria vencellada a el como é a lousa. “Estes premios aos pioneiros demostran que xa pasaron moitos anos e o sector segue aí, san, con pulo e con enerxía e isto só se puido conseguir con innovación, constante, con estudos, con análises, con valoración da investigación, melloras na extracción, no transporte, na transformación, na comercialización… e iso é o máis importante que está facendo agora o sector”. E detallaba as liñas de axudas coas que pode contar o sector da lousa por parte do Goberno de España.
O acto concluía coa intervención do director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, quen agradecía o labor do sector e cualificaba de moi boa a iniciativa destes premios, cunha referencia especial ao labor dos colocadores. “Temos que agradecer ás empresas, a toda esa xente que nun primeiro momento decidiu investir en Valdeorras, pero tamén outros concellos da nosa comunidade. A intelixencia que amosaron no seu momento foi máxima”. Tamén poñía en valor as actuacións do Clúster da Pizarra de Galicia e a importancia dos concellos no desenvolvemento da minería, “xa que para nós teñen que ser ese punto de encontro coas empresas e co territorio”.
E adiantaba que na nova lei de medidas e acompañamento aos orzamentos, o Goberno galego vai impulsar unha figura dos concellos mineiros. “Vai haber unha modificación para que se poidan considerar os concellos mineiros que teñan determinadas vantaxes, falamos daqueles nos que nos últimos setenta anos haxa explotacións ou recursos mineiros que poidan ser declarados como actividades estratéxicas ou aqueles cun patrimonio mineiro tanxible ou intanxible que sexa susceptible de conservar”. Fernández Vila aseguraba que a Xunta vai seguir promocionando o sector da lousa a través de diversas iniciativas, “consideramos que ten que ser un exemplo, un espello onde se poida mirar todo o que é a minería en Galicia, sempre vos seguiremos apoiando cunha condición: que sigades defendendo esa minería sustentable que para nós é esencial”.

Posteriormente, os asistentes desfrutaban dun xantar nas mesmas instalacións do Complexo Hostaleiro Paladium.
Fotos e vídeos: O SIL.
Máis información:
Un total de 19 colocadores, recoñecidos nos I Premios Pioneiros da Lousa
Ampliarase información e galerías de fotos da gala.