CarballedaConcellosÚltima hora

Dúas furgonetas con axuda humanitaria reunida no municipio de Carballeda de Valdeorras, a punto de saír para a C. Valenciana

Esta tarde acababan de cargarse os dous vehículos que, conducidos por voluntarios, sairán na vindeira madrugada cara varias localidades valencianas

 

Hai case dúas semanas un grupo de veciños do municipio de Carballeda de Valdeorras iniciaba unha campaña solidaria para reunir material de primeira necesidade para os afectados pola catástrofe da DANA na Comunidade Valenciana. Neste venres 22 de novembro concluía esa recollida, que será transportada na vindeira madrugada en dúas furgonetas, levadas polos propios voluntarios ata terras valencianas.

“Recadamos material de distinta índole e cos que enchemos dous furgóns. Desde alimentación. produtos de limpeza e hixiene, produtos de xeriatría, roupa e calzado de todo tipo para bebés, señora e home; tamén roupa de fogar, así como mochilas para nenos, nenas e adultos, material escolar, etc.”, explican os promotores da iniciativa, que agradecen a gran resposta solidaria.

 

 

“Ademais, engaden, tamén se recadaba diñeiro para sufragar o alugueiro dos furgóns e o gasoil. “Temos que dar as grazas aos responsables dos centros de recollida de Casaio e Sobradelo. Aos veciños do concello de Carballeda pola súa inestimable colaboración e, en especial, aos voluntarios e voluntarias que día a día fixeron un gran labor na selección e que se encargaron do empaquetado de todos os produtos, ademais de axudar a cargar os devanditos furgóns. Grazas a todos, grazas de todo corazón”.

 

 

As dúas furgonetas con este material de axuda partirán na vindeira madrugada cara a Comunidade Valenciana tendo como destino Sedaví, Sagunto e Catarroja.

Fotos cedidas

 

Back to top button