Como resultado dun arduo e longo traballo de investigación sobre o terreo, estudos de viabilidade e proxectos de futuro, o Concello do Bolo conta xa cun novo Plan Municipal de Vivenda e Solo 2024-2029, que era presentado na mañá deste venres 27 de decembro no Castelo do Bolo, por parte do equipo de arquitectos que o elaboraron, formado por Luis Álvarez, Rosario León e Silvia Arias (Estudio Luis Álvarez Arquitectura, acompañados polo Subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o alcalde do Bolo, Alberto Vázquez; e a concelleira, Mayra Martínez.

Tal como explicou rexedor, Alberto Vázquez, a vivenda “sempre foi un dos temas prioritarios, xunto a outros como o turismo ou a cultura, para o equipo de Goberno” que o ano pasado presentou ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico “un proxecto co obxectivo de poñer as bases sobre a vivenda no Concello”. Así xurde a elaboración deste plan, co que “iremos chamando as portas da Administración para explicar os problemas de vivenda que ten este Concello”, dixo Alberto Vázquez.
O documento en cuestión é unha iniciativa pioneira na comunidade galega. Tal e como afirmou o arquitecto, Luis Álvarez, trátase dunha “cousa tan novedosa, como que en Galicia é un dos primeiros planes que se fan deste tipo”. Con él, o Concello quixo “recoller as necesidades de vivenda”, analizando “o estado das vivendas actuáis”, e así “fixar uns obxectivos e estratexias para crear unhas liñas de traballo que se deberán aplicar nos vindeiros cinco anos, para conseguir estes obxectivos”.
Pola súa banda, o Subdelegado do Goberno, Eladio Santos, subliñou que o plan “é moi interesante porque ataca un problema real que non é solo de recuperar poboación senón de garantir este dereito á vivenda”. Para Santos, a importancia do traballo feito neste Plan de Vivenda reside en que “desta forma, o Concello do Bolo estará posicionado estratéxicamente para cando saian as liñas de axuda de vivenda tanto da Administración central como da Administración autonómica”.
A creación do Plan de Vivenda
O Plan Municipal de Vivenda e Chan redáctase polo Concello de O Bolo como una das actuacións recollidas dentro do programa “Desarrolla O Bolo”, acordado no pleno municipal, para cuxo desenvolvemento contratou ao arquitecto Luis Álvarez González, colexiado nº 4.869 do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que o leva a cabo entre os meses de agosto e novembro, e que o entrega ao Concello o día 31 de outubro de 2024 para a súa exposición pública.
Tal como el mesmo explicou na presentación, o obxecto do Plan é “articular as medidas necesarias para atender as necesidades de vivenda do municipio, unha vez identificadas e cuantificadas, para o que se proxectan, orzan e programan as actuacións correspondentes axustadas a uns prazos establecidos e xustificados”.

En ausencia de normativa autonómica para a O Plan Municipal de Vivenda e Solo na comunidade autónoma de Galicia, o plan redáctase seguindo e regulación feita para este instrumento na comunidade autónoma de Andalucia, por teren xa aprobada a Lei 1/2010, do 8 de marzo, Reguladora do Dereito á Vivenda en Andalucía, que describe o Plan como un “instrumento para a definición e desenvolvemento da política de vivenda do Municipio”. O artigo 13 desta Lei regula o contido mínimo dos Plans.

En canto a súa estructura se refire, o Plan Municipal de Vivenda abórdase desde unha triple perspectiva:
• Analítica: información e diagnóstico da problemática municipal en materia de vivenda e chan.
• Estratéxica: establecemento dos obxectivos e estratexias nestas materias.
• Programática. Definición e programación das actuacións do concello a medio prazo (5 anos) incluíndo: financiamento, seguimento e avaliación do plan.

Para abordar a confección do plan, nunha primeira fase do mesmo, abórdase un traballo analítico de obtención de información para coñecer as necesidades de vivenda e a oferta das mesmas existentes no municipio e o seu estado de conservación. Unha vez obtida dita información, defínense os obxectivos e estratexias para satisfacer a demanda. No terceiro apartado do plan, abórdase o programa de actuación do Plan, que conten unha memoria comprensiva das actuacións para levar a cabo, separando as que se refiren ao acceso á vivenda e as referidas á rehabilitación.
En todas as fases do Plan, elaborado a cinco anos vista, o contido do mesmo está sometido á participación cidadá, apoiada nun plan de Comunicación e Participación. A formulación de propostas abórdase contando previamente coa información directa e a participación da cidadanía.

Fotos e vídeos: O SIL.