Pasadas as seis e media da tarde deste 5 de xaneiro os Reis Magos, escoltados pola Policía Local, chegaban en autobús á praza do Concello do Barco en medio dunha gran expectación. Alí eran agardados por numerosos nenos e familiares, que desexaban saudar a Melchor, Gaspar e Baltasar, mentres agardaban que se aproximasen nun momento no que a chuvia intensa desta tarde daba unha tregua.
Tras baixarse do autobús, xunto cos seus paxes e gardas, os Reis eran saudados polo alcalde do Barco, Alfredo García, e despois, dirixíanse ata a Casa Consistorial, parándose a cada paso para saudar aos meniños ou mesmo para recibir algunha carta de última hora.
Despois, en medio dunha sorprendente nevada, as súas Maxestades de Oriente entraban no Concello Vello, para dirixirlles unhas palabras e uns consellos para esta noite aos nenos.
No operativo desta visita real, o Concello do Barco contaba coa colaboración da Policía Local, de Protección Civil do Barco e do Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES) Valdeorras.
Fotos e vídeos: O SIL.