
San Amaro / San Mauro é o padroeiro da parroquia do Barco de Valdeorras, das dúas maneiras aparece referenciado na documentación e na tradición oral; porén non se trata da mesma figura: San Amaro Navegante é protector das xentes do mar e ten arraigo na tradición de moitos lugares da costa galega e portuguesa. San Mauro, pola súa parte, era un monxe que viviu entre o século V e VI no que hoxe é Italia, foi o primeiro discípulo de San Bieito de Nursia, fundador da orde bieita de tanta trascendencia no desenvolvemento da vida monacal.
O San Mauro da igrexa parroquial do Barco, é un monxe barbado, con libro e caxato. A igrexa chámase de San Mauro mais na denominación da parroquia aparece San Amaro (nos documentos oficiais como o censo ou o catastro por exemplo). Na documentación antiga cítase o Sagrado das hortas de San Amaro, lugar de enterramentos raiano coa antiga igrexa que foi substituída pola actual nos anos vinte do pasado século e onde hoxe se atopa a praza do Sagrado.
Será que a Igrexa, ante a poderosa presenza de Amaro nas terras atlánticas, cun aquel mitolóxico e precristián, quixo neutralizalo introducindo o bieito italiano pola semellanza de ambos os nomes? Así aconteceu tantas outras veces que a hipótese non debe ser descartada.
Sexa como for o 15 de xaneiro é festa no Barco vello. Recollida, familiar, de procesión (hai anos que a policía local adoptou o santo como patrón propio), de vermú, foguetes e xantares. Celebración invernal que, como tantas outras, foi decaendo co tempo ao pasarmos dunha comunidade agraria a unha economía máis complexa que requiría doutra organización horaria dos traballos e dos días.
Na fotografía que acompaña estas liñas, foi tomada en 1972 por un autor descoñecido, tres nenos observan e escoitan o que tocan Os Agarimos de Rubén do Castelo, gaiteiros do Incio e as terras de Lemos. Dous mozos da comisión arranxan algo no palco que está decorado con guirnaldas de papel e unha abondosa colección de lacóns e cachuchas que, seguramente, serían subastadas ou sorteadas entre a concorrencia.
Se somos dun Barco somos navegantes. Dicía unha copliña que cantabamos con ritmo marcial ás ordes de Don Miguel, o párroco autoritario da nosa infancia: “Todos los niños del Barco / vamos hacer un barquito de vela / para vivir en el medio del mar / porque ya no se puede vivir en la tierra…” Así pois, quen nos vai negar o dereito a ter por patrón a San Amaro dos mariñeiros? Podemos, xa que logo dicir aquilo que falou Penélope nos versos de Xohana Torres: “Existe a maxia e pode ser de todos / A que tanto novelo e tanta historia? / Eu tamén navegar.”
Texto: Gustavo Docampo.