ConcellosEntroido 2025ManzanedaÚltima horaVídeos

Ronda pola parroquia do Fulión de San Martiño (Manzaneda) con sorpresa en forma de versos

 

O Fulión de San Martiño iniciaba arredor das catro e media desta tarde unha longa ronda na que percorría esta parroquia do municipio de Manzaneda. Os bailes das Mázcaras protagonizaban este percorrido, con paradas nas diferentes casas para beber algo e petiscar, no que o intenso son do fulión (bombos, sachos, gadañas, cornas e gaitas) se deixaba sentir en cada recuncho.

 

 

Ao chegar ao lavadeiro de Rozabales tiña lugar unha sorpresa. Dúas veciñas, que se encontraban por azar no lavadeiro, facían un repaso en tono satírico e en verso polo acontecido no último ano. “Pero bueno, a ver, dime/ que ando moi oxidada/ pasa de todo no mundo/ e eu non che me entero de nada“, dicía unha.  E a resposta era un resumo de noticias de todo tipo.

 

 

Despois, pasábase ao máis próximo, ao acontecido nesta parroquia, con alusións directas en clave de humor á veciñanza.  “Tal e como lle estamos dando á lengua/ queda a roupa sen lavar”, proseguía unha das mulleres”. “Bueno eu algo xa lavei/ recolle toda a trangallada/ xa é hora e hai que seguir coa fuliada“, contestaba a outra, que deste xeito poñía fin aos versos, entre aplausos e o son do cinto de chocas das Mázcaras. A continuación, cobraba vida novamente o fulión e seguía a ronda, cunha duración de máis de catro horas.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Back to top button