ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

Santos presenta no Barco a plataforma DICIREG que permite o acceso telemático da cidadanía ao Rexistro Civil

O subdelegado do Goberno visitaba esta mañá o Rexistro Civil do Xulgado barquense

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presentaba esta mañá no Xulgado do Barco de Valdeorras a plataforma DICIREG, adaptada ao novo modelo de Rexistro Civil. Esta é unha plataforma sobre a cal se tramitan os expedientes por medios electrónicos, inscríbense todos os feitos relativos ao estado civil das persoas que deban acceder ao Rexistro, organízase a publicidade da información rexistral en formato dixital e posibilítase o acceso telemático ao mesmo, respecto da cidadanía, mediante a súa identificación electrónica. Neste acto, Santos estaba acompañado polo letrado responsable do rexistro, así como polo alcalde do Barco, Alfredo García.

 

 

“Esta é unha iniciativa do Ministerio de Xustiza que xa se vén desenvolvendo dende os últimos meses para dixitalizar, informatizar e optimizar a xestión do rexistro civil. Trátase da aplicación dunha plataforma informática DICIREG que o que pretende é mellorar o servizo e optimizalo tanto para o usuario como para as administracións. Trátase dunha plataforma que permite que o usuario acceda aos seus datos en remoto, se xestionen, evítanse colas e solicitudes de papeis en ventaniña porque todo o mundo a través dun certificado ou dunha clave pode acceder aos seus datos ou certificados de cara a facer xestións administrativas. Entón dende ese punto de vista mellora tamén no rural, como é o caso do Barco, non só nas capitais, o acceso a estes documentos en remoto”, comentaba o subdelegado do Goberno en Ourense. Esta é unha medida que beneficiará, engadía Santos, non só á veciñanza do partido xudicial ou residente en Galicia, senón tamén aqueles que estean fóra.

 

 

Por outra banda, o subdelegado do Goberno destaba que este tipo de plataforma “garante a interoperatividade entre administracións, ao “compartir datos directos con Seguridade Social, con xulgados e con outras administracións que precisen estes documentos, e isto evita un traslado do usuario a outras administracións”.

Así, esta ferramenta permite a xestión electrónica de nacementos, matrimonios e defuncións e facilita o servizo de españois en países estranxeiros, a través das embaixadas e consulados.

Isto contribúe, concluía Santos, a “crear un Rexistro Civil do século XXI, optimiza a xestión das administración e facilita o uso e o emprego do usuario do servizos da administración pública”. A clave pode solicitarse co DNI electrónico.

“Estamos facendo a famosa migración documental, nun Rexistro do século XXI. Antes dependendo do acto que se quixese rexistrar había que ir a un rexistro ou a outro, e facer unha peregrinación para andar os certificados, hoxendía hai un folio persoal que se inicia co nacemento e aí vanse inscribindo todas as vicisitudes da persoa ao longo do tempo, coa vantaxe de que se necesita pedir o certificado que sexa pode pedilo en calquera parte de España”, engadía o letrado do Rexistro.

 

 

Finalmente, o subdelegado do Goberno explicaba que neste 15 de abril saía publicado no BOE que se vai a implantar “xa de inmediato en Celanova, Xinzo de Limia e Ribadavia, que practicamente con isto a provincia xa ten o servizo de actualización e dixitalización completo. E como foi un proceso que se está desenvolvendo dende o 2022 en toda España, si que temos un especial agradecemento aos ourensáns no exterior porque isto facilítalle moito calquera trámite que teñan que facer dende o país no que están residindo”.

Deste xeito, queda aprobado o inicio do funcionamento da ferramenta nas oficinas xerais e nas oficinas colaboradoras dos partidos xudiciais de Celanova (A Bola, A Merca, Cartelle, Gomesende, Quintela de Leirado e Ramirás), Ribadavia (A Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón e Pontedeva) e Xinzo de Limia (Baltar, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio e Vilar de Santos).

Fotos: A.R.

Vídeo: O SIL.

 

Back to top button