
Este Xoves Santo, 17 de abril, celebrarase unha nova edición do Viacrucis da Serra (A Veiga), o máis alto de Galicia e un dos máis longos da comunidade con ata 14 km que percorren as 15 estacións talladas en granito polo artista Pepe de Barrio, de Lamalonga. Este traxecto relixioso, que conmemora a paixón e morte de Cristo, sairá ás 15:30h. dende o Alto da Portela, onde está situada a primeira das quince estacións.
Dende ese punto iniciarase, sempre que o tempo o permita, un longo e fermoso Viacrucis, dunhas catro horas de duración, por unha estrada rodeada de piñeirais. Nel faranse as correspondentes paradas ante cada unha das estacións.
O Viacrucis chega, normalmente, xa anoitecendo, a decimoquinta e derradeira estación (a Resurrección do Señor), xustamente na entrada de Lamalonga. Unha vez finalizado o calvario, os asistentes poderán repoñer forzas cun chocolate ben quentiño.
O XXIV Viacrucis da Serra será organizado pola Asociación de Cooperación para o Desenvolvemento de Lamalonga “Pepe de Barrio”.
Máis información na edición en papel do Especial Semana Santa do Periódico O SIL.