
A XXVI Feira do Viño de Valdeorras, que se celebrará na praza Otero Pedrayo de Viloira (O Barco de Valdeorras), os vindeiros 31 de maio e 1 de xuño, xa ten cartel promocional. Vén de darse a coñecer o fallo do concurso convocado, sendo a proposta gañadora “Explosión de viño”, cuxo autor é de Estella-Lizarra (Navarra). Este traballo foi escollido entre un total de 55 presentados. O seu autor é Raúl López Martín, licenciado en Belas Artes, diseñador gráfico e ilustrador.
A gráfica do cartel seleccionado evoca a figura dunha botella, debuxada tras unha explosión de viño, que posúe dúas versións de cor, emulando as variedades brancas e tintas da D.O. Valdeorras. O xurado valorou especialmente o “impacto que provoca a gráfica do cartel” e a súa “versatilidade á hora de adaptalo a diferentes aplicacións” que son necesarias nas accións promocionais da feira.
Raúl López recibirá un premio de 1.000 euros.
O xurado
Nesta ocasión, formaron parte do xurado, a tenenta de alcalde de Vilamartín, Sherezade Núñez; o fotógrafo, Javier Brasa; a deseñadora, Verónica Vieira; a xornalista Raquel F. Cruz; e a secretaria do Consello Regulador, Patricia de Andrés.