EconomíaEconomíaÚltima hora

Oito empresas ourensás, entre elas A Cova da Xabreira, no programa “Galicia Avanza” de internacionalización da Xunta e Tecnópole

O conxunto de Galicia serán un total de 30 Pemes, 12 empresas de Pontevedra, 8 de Ourense, 6 da Coruña e 4 de Lugo, de sectores tan diversos como as novas tecnoloxías, alimentación ou téxtil

 

O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras e/ou de base tecnolóxica “Galicia Avanza” vén de seleccionar 30 novas empresas para a súa cuarta edición, entre elas a valdeorresa Cova da Xabreira (Seadur). Esta iniciativa poñíase en marcha en 2022, froito da colaboración entre a Consellería de Economía e Industria, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-, entidade encargada da súa xestión e coordinación.

Das empresas seleccionadas, 12 proceden da provincia de Pontevedra, 8 de Ourense, 6 da Coruña e 4 de Lugo. Ao longo dos vindeiros meses, terán a oportunidade de acceder a un programa integral de apoio á internacionalización, que se prolongará ata febreiro de 2026, con itinerarios personalizados para cada unha delas. Poderán beneficiarse de servizos como a protección internacional das súas marcas e deseños industriais, a realización de estudos e prospeccións de mercado, a confección de axendas internacionais ou calquera outro que se considere esencial para a súa aceleración internacional.

Produtos innovadores no campo da alimentación, as bebidas e a cosmética natural

Unha das empresas elabora alimentos gourmet con ingredientes vexetais, reinterpretando pratos tradicionais como o cachopo ou a zorza en versións vexetais e empregando envases ecolóxicos. Outra céntrase na fabricación de aditivos para a industria alimentaria, especialmente para o sector pesqueiro. Tamén se seleccionou unha firma que importa e comercializa café de especialidade seleccionado en orixe. Outra aposta pola saída ao exterior da súa gama de queixos, elaborados con leite galego mediante procesos artesanais mellorados con tecnoloxía. Destaca así mesmo unha liña de galletas doces gourmet, con versións veganas e envases de vidro reutilizable. Unha das pemes pretende internacionalizar a súa empanada galega de masa de pan quebrada, feita artesanalmente con ingredientes naturais e sen aditivos. E hai unha dedicada á venda online de peixes, mariscos frescos e caviar premium galego.

No sector das bebidas, unha das empresas elabora bebidas isotónicas naturais a base de auga de mar dos afloramentos das Illas Cíes, sen azucres nin aditivos. Tamén hai varias adegas: unha combina a elaboración de viños con experiencias enoturísticas arredor dunha cova tradicional rehabilitada, outra está especializada en vermut galego artesanal, e outra en viños tintos e brancos de finca.

No eido da cosmética natural, seleccionouse unha peme especializada na fabricación de aceite de camelia e na elaboración de produtos cosméticos como champús e cremas bio. Ademais, destaca unha firma biotecnolóxica centrada na produción dun ingrediente activo de alto valor baseado en aceites vexetais ozonizados con aplicacións na industria farmacéutica, química e na cosmética natural.

As novas tecnoloxías e a intelixencia artificial

Unha das empresas que vai participar no programa usa as novas tecnoloxías e a intelixencia artificial para axudar á poboación a mellorar a súa capacidade de aforro sen esforzo, desenvolvendo diversas ferramentas innovadoras para a industria financeira. Outra ofrece unha solución de realidade virtual dirixida á estimulación físico-cognitiva de persoas con demencias ou trastornos neurocognitivos. Tamén hai unha firma centrada no desenvolvemento de software e transformación dixital, que busca internacionalizar o seu servizo de migración de grandes volumes de datos á nube. Outra dedícase ao desenvolvemento de software en cloud para empresas que venden os seus produtos en máquinas expendedoras. Por outro lado, destaca unha plataforma baseada en IA para monitorizar e optimizar o rendemento das máquinas de café nos establecementos de hostalería e restauración. E unha empresa proporciona solucións para automatizar procesos empresariais.

 

 

Construción e sector industrial

No campo da construción, unha das firmas quere internacionalizar os seus sistemas de ancoraxe para fachadas ventiladas. Hai unha peme especializada en sistemas de subxección para varandas de vidro, destinados en particular para a costrución de gama alta. E outra das empresas desenvolve, mediante tecnoloxía propia, equipos de protección individual, tratando de reforzar a internacionalización da súa liña de sistemas anticaída e solucións dixitais neste eido.

En relación ao sector industrial, seleccionouse unha empresa que deseña e fabrica muelles metálicos e pezas de arame, con aplicacións en automoción, maquinaria industrial, electrodomésticos, sector ferroviario e aeronáutico. Tamén hai unha firma especializada no deseño, enxeñaría e fabricación de solucións técnicas personalizadas para a industria.

Unha gran diversidade de produtos e servizos

“Galicia Avanza” acolle a empresas que ofrecen produtos e servizos tan diversos como unha marca de moda de luxo caracterizada por procesos sostibles e innovadores, ou outra que deseña vestidos para eventos e coleccións casual tamén de xeito sustentable. Unha marca está especializada en roupa e complementos infantís personalizados, cun enfoque sostible e artesanal.

Unha das pemes seleccionadas quere comercializar no mercado exterior os seus produtos tecnolóxicos para o sector agropecuario e para os afeccionados á agricultura, desde forraxeiras automatizadas ata galiñeiros intelixentes. Tamén hai unha empresa que ofrece servizos profesionais de tradución e interpretación e outra dedicada ao desenvolvemento de produtos turísticos sostibles.

Tecnópole

O Parque Tecnolóxico de Galicia é unha sociedade participada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía e Industria. Situado no Concello ourensán de San Cibrao das Viñas, leva máis de tres décadas impulsando o talento e a innovación mediante o seu centenar de empresas tecnolóxicas e os seus centros de I+D. Está comprometido co desenvolvemento sustentable, a igualdade de xénero e a divulgación científica.

Empresas ourensás seleccionadas

. A Cova da Xabreira (Larouco). É unha adega situada no lugar de Seadur que combina a elaboración de viños con Denominación de Orixe Valdeorras e experiencias enoturísticas vivenciais arredor dunha cova tradicional rehabilitada. A súa proposta de internacionalización céntrase no Reino Unido e nos Estados Unidos.

. Dame Après Paris (Ourense). É unha marca de moda de luxo contemporáneo con sede en Galicia que combina deseño exclusivo e procesos sostibles e innovadores como impresión 3D e patronaxe optimizada. Busca consolidar a súa presenza internacional en Francia, Alemaña, Italia, Estados Unidos, Xapón e Corea do Sur.

. Gómez y Crespo (Ourense). Propón internacionalizar a súa liña de produtos para o sector agropecuario e para os afeccionados á agricultura, desde forraxeiras automatizadas ata galiñeiros intelixentes e avións ornamentais conectados. Destacan pola súa integración tecnolóxica mediante sensores, monitorización e aplicacións para móbiles. Os seus mercados obxectivo son Emiratos Árabes, Exipto, Marrocos, Arxelia e Túnez.

. Algen Solutions (Allariz). Propón internacionalizar o seu servizo Pronto Apps, un conxunto de solucións modulares baseadas na plataforma Microsoft Power Platform, que permiten automatizar procesos empresariais mediante desenvolvemento low-code. Os seus mercados de destino son Estados Unidos, México e Portugal. A empresa aposta por reducir a dependencia comercial actual e consolidarse como provedor tecnolóxico con marca propia.

. Quesos Feijoo (Celanova). É unha empresa familiar con máis de 30 anos de traxectoria no sector queixeiro artesanal. Aposta pola internacionalización da súa gama de queixos de pasta branda tipo Brie e Camembert, elaborados con leite galego e mediante procesos artesanais mellorados con tecnoloxía. Destacan polos seus premios internacionais e pola súa entrada nos mercados gourmet de Francia e Alemaña.

. Autoxiro Turismo (O Carballiño). É unha empresa especializada en planificación, formación e desenvolvemento de produtos turísticos sostibles. Ofrece servizos de formación especializada, plans turísticos adaptados e produtos turísticos innovadores. Propón internacionalizar os seus servizos en México e Colombia, aproveitando a demanda crecente de destinos menos masificados e máis auténticos.

. Resortes de Galicia (San Cibrao das Viñas). É unha empresa familiar con máis de 50 anos de experiencia no deseño e fabricación de muelles metálicos e pezas conformadas en arame; con aplicacións nos sectores da automoción, maquinaria industrial, electrodomésticos, ferroviario e aeronáutico. Busca reforzar a súa presenza internacional nos mercados de Alemaña e Portugal, centrada nas liñas de muelles de compresión e tracción.

. Adventus Plus (San Cibrao das Viñas). É unha empresa especializada no deseño, enxeñaría e fabricación de solucións técnicas personalizadas para o sector industrial. Propón internacionalizar tres liñas de produto: moldes por inxección, prototipado rápido e fabricación de pezas técnicas a medida. Diríxese a Alemaña, Suíza, Italia e Polonia.

Back to top button