A RúaConcellosÚltima horaVídeos

A Garda Civil, Protección Civil e Ambulancias Sil, na zona de exhibicións da convivencia de educación infantil na Rúa

 

Unha das actividades que chamaba especialmente atención dos nenos e nenas que participaban na XXIV Convivencia de Educación Infantil, que se desenvolvía nesta mañá no CEIP Manuel Respino da Rúa, era unha zona de exhibicións na que participaban diferentes unidades da Garda Civil, así como Protección Civil da Rúa e Ambulancias Sil. Por alí pasaban as diferentes rotacións dos grupos.

“Neste tipo de actos o que se pretende é achegar a Garda Civil aos cidadáns, e neste caso concreto, aos nenos, aos alumnos, e estas accións están incluídas nun plan elaborado dende a Secretaría de Estado de Seguridade, que é o Plan Director”, explicaba o tenente xefe accidental da Compañía da Garda Civil na Rúa. Rubén Cabezas.

 

 

Ademais detallaba que nesta convivencia participaban diferentes unidades da Garda Civil como o Grupo de Rescate Especial de Intervención en Montaña da Garda Civil (con base na Pobra de Trives en Galicia), os equipos do Seprona, de Seguridade Cidadá (que incluía un par de drons), tamén da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, así como un equipo do Servizo Cinolóxico da Comandancia de Ourense, con cans adestrados para localizar a persoas, restos cadavéricos, drogas e diñeiro. “O que se pretende é que os nenos coñezan de primeira man os nosos medios e dalgunha maneira xerar un lazo de confianza con eles a darnos a coñecer”.

 

 

Pola súa banda, a agrupación de voluntarios de Protección Civil da Rúa participaba nese evento educativo con dúas lanchas neumáticas, coa furgoneta de nove prazas e o Nissan Patrol con cinco, tal e como sinalaba o reprensentante da agrupación, indicando que tamén teñen participado en anteriores edicións da convivencia. Os meniños subíanse as lanchas e tamén os diferentes vehículos.

No caso da ambulancia, o que máis lle sorprendía aos cativos era a camilla, as luces e son, tal e como explicaba o condutor da mesma.

Fotos: A.R.

Vídeos: O SIL.

 

Back to top button