ConcellosQuirogaÚltima hora

A Confraría dos Remedios de Quiroga estrea manto e presenta o deseño das novas andas de ourivaría para a Virxe da Ermida

 

A Confraría dos Remedios (A Ermida, Quiroga) vén de presentar o deseño das andas que nun futuro próximo lucirá a Virxe os días de festa polas rúas da Ermida. O acto tiña lugar o sábado 7 de xuño no salón de plenos do Concello de Quiroga, contando coa presenza de representantes da confraría, do alcalde José Luis Rivera e o artista Francisco Naranjo Beltrán.

O deseño é obra do artista malagueño Francisco Naranjo Beltrán, autor tamén do deseño da coroa con que foi coroada esta imaxe o 9 de setembro de 2024. A súa proposta, consiste nun baldaquino, unha estrutura arquitectónica que tipicamente se utiliza para realzar un altar ou un elemento sacro.

O deseño consiste nun baldaquino de estilo manierista que presenta unha base sólida con columnas toscanas con fuste de labor de soga que sosteñen un entablamento de liñas moi sinxelas. Deste penden grilandas de flores e campaniñas. O entablamento serve de sostén a seis imperiais que se pechan conformando unha cúpula. Tanto a cúpula como as catro columnas están rematadas por un elemento decorativo, na parte superior, en forma de pináculo.

 

 

A base inclúe detalles como cunchas de vieira, un símbolo central do Camiño de Santiago, e que fai referencia a unha das lendas sobre a súa orixe, na que un peregrino foi o causante de que a imaxe se atope hoxe no val de Quiroga. Outro detalle son as estrelas de oito puntas que se atopan na base e no entablamento que fai referencia á Virxe María. O entablamento, ademais das estrelas, conta cun verso, en letra gótica, da Cantiga número 10, das Cantigas de Santa María, a titulada “Rosa das rosas”, alusivo ao que ten a coroa.

Aos lados do baldaquino, aprécianse candelabros con velas acesas, que evocan un ambiente solemne e cerimonial. Todo o conxunto transmite unha sensación de solidez e elegancia.

Fotos cedidas.

 

Back to top button