CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O Enredo de Verín acolle unha sesión de contacontos e un coloquio sobre crianza o 15 de xuño

 

O vindeiro domingo 15 de xuño O Enredo de Verín propón un plan que vai máis alá que tomar un café nunha terraza. “Pensando en todas esas familias que buscan referentes, ideas e experiencias para criar con liberdade e respecto, o local programa dúas actividades complementarias: unha sesión de contacontos co selo de Raquel Queizás e un coloquio sobre crianza e educación con profesionais da comarca”, explican dende este local de hostalaría.

A proposta, en colaboración con artistas e entidades locais, está pensada para ofrecer un espazo seguro e estimulante no que compartir entre iguais. “Porque educar non é só cousa de nais ou pais, senón unha tarefa común onde as redes e os afectos tamén contan”.

Ambas actividades serán de balde. “Pero isto é un bar. Hai que consumir”, puntualizan os camareiros.

16.00h | Coloquio: “Educar en compañía, compartir para crecer” organizado pola academia local “En clase con Julio” e coa participación de:
● Mariam Tierno López (Psicopedagoga, mestra de Audición e Linguaxe e Directora CEIP Princesa de España)
● Paula Campos Álvarez (Pedagoga e futura mestra de Educación Primaria)
● Julio Alvar Rodríguez (Mestre de Ed. Primaria e Ed. Especial e director do centro de reforzo educativo “En Clases con Julio”)

 

 

A conversa “Educar en compañía, compartir para medrar” propón un espazo aberto e informal para reflexionar sobre a crianza na primeira infancia. Participarán profesionais da educación e familias da contorna, co obxectivo de compartir experiencias, incertezas e ferramentas reais. Abordaranse temas como o apego, a importancia das redes, os retos educativos actuais e o papel da escola.

“A dinámica será horizontal, sen discursos académicos, baseada na escoita e no diálogo entre iguais. Trátase de crear comunidade e poñer en valor que educar tamén é un acto colectivo. O aforo será limitado, para garantir a participación do público, polo que será necesario inscrición previa a través do teléfono +34 644 79 28 26”, din dende a organización.

19.00h | Contacontos con Raquel Queizás, artista local con milleiros de “contadas” polo país adiante. Espectáculo “Travesías: aventuras de libro”.

Non será necesaria inscrición previa.

 

 

Sobre O Enredo de Verín | Un lugar onde enredar ideas

O Enredo non é só un bar, senón un espazo aberto á comunidade. O local quere ser un lugar onde se enreden ideas, onde os proxectos culturais, sociais e empresairias teñan cabida e onde diferentes axentes da vila poidan compartir, crear e impulsar propostas conxuntas. Se tes unha idea ou evento que che gustaría levar a cabo, O Enredo está aquí para acollelo e darlle espazo.

Back to top button