Superando as expectativas da organización, uns 110 cans chegados dende diferentes partes de Galicia participaban na mañá deste sábado 14 de xuño no I Concurso Local Canino, na área recreativa do Aguillón, na Rúa.
Unha cita imprescindible para todos os amantes dos cans, na que se poñerá en valor non só a estética, senón tamén o comportamento, a harmonía do movemento e, sobre todo, a conexión entre o animal e o seu presentador.

Ademais do concurso, aberto a todas as razas, tamén mestizos, e con diferentes categorías (cachorros, novos, adultos e veteranos) o evento contou con actividades complementarias como unha exhibición de canicross e charlas divulgativas relacionadas co mundo do can, sobre Mushing, adestramento e saúde canina.
Entre os participantes, houbo un pouco de todo, Boder Collie, Pastor Belga Malinoise, Pastor Alemán, Caniche, Yorshire, Braco,… e moito can de caza que esperaban con paciencia e bastante tranquilidade o seu turno para pasar ao ring onde eran examinados polos xuíces distribuídos por raza: Claudia Guadián no ring 1; Gemma Matías no ring 2 e Germán González no ring 3. Fóra de competición había dous Xoloitzcuintle, o can sen pelo mexicano.

“Este evento conta coa colaboración de importantes patrocinadores do sector como Arion, Valcan, Gloriapets, NutraDog, Ricardo Terán SL, ou MEDCART GALICIA, entre outros, e co apoio do Concello da Rúa”, din dende a organización, asegurando que foi unha “xornada inesquecible para gozar en familia, formarse e compartir experiencias entre afeccionados, familias e profesionais do ámbito perruno”, ao que tamén asistía a protectora Peludines Callejeros de Valdeorras, cun posto de bocadillos e bebida para recadar cartos.

Moi satisfeito coa acollida, Carlos Terán confía en que esta sexa a primeira de moitas edicións e que se consolide nestas data, destacando a participación de xente local pero tamén de lugares como Cospeito (Lugo), A Coruña, Santiago, León,… “As redes sociais axudáronnos a chegar a máis xente polo que estamos moi contentos”, di avanzando que o 22 de xullo farase en Porto do Son.

Na parte organizativa, Carlos Terán (de Agricentro Terán) e Jesús Muñoz, xerente de zona de Arion que leva Galicia e noroeste de España que coordina a todos os distribuidores da zona.



Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.