
Tráxico accidente na tarde deste mércores 25 de xuño no concello de Carballeda de Valdeorras, onde “un traballador perdía a vida tras unha caída de altura no lugar de Soutadoiro”, tal como indican dende o 112 Galicia.
Pouco antes das 16 horas, varios particulares contactaban co 112 desde o punto e explicaron que “o operario podía ter caído dun tellado ou dunha escaleira, e que a súa situación semellaba de gravidade”, polo que activaban un operativo no que participaban Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil e o GES Valdeorras.
“Os profesionais sanitarios, pola súa banda, comunicaron nese momento que mobilizaran o seu persoal a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense”, din dende o 112 Galicia, indicando que “malia os esforzos, nada se puido facer pola vida do implicado”, mentres as forzas da orde tratan de aclarar as circunstancias do suceso.