
O Consello da Xunta de Galicia vén de aprobar na súa reunión hoxe, 7 de xullo, a sinatura do convenio de colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia e o Concello da Veiga que permitirá a rehabilitación do edificio O Toural, situado neste municipio. Trátase dunha actuación no actual auditorio que potenciará o seu uso como espazo escénico, musical e sala de conferencias.
Mediante esta colaboración, Turismo de Galicia asumirá parte do financiamento do custo total das obras. A edificación, de carácter municipal, está situada na mesma parroquia da Veiga e integra dúas plantas con accesos independentes, unha a nivel de rúa e outra semisoterrada. As obras suporán unha mellora da habitabilidade, a eficiencia enerxética, a accesibilidade e a funcionalidade do inmoble.
Entre as distintas actuacións que recolle o convenio está a rehabilitación dos falsos teitos e dos pavimentos, actualmente en estado de seria deterioración, para mellorar a seguridade e a funcionalidade dos espazos. Ademais, incorporarase un sistema de illamento na fachada, substituiranse as carpintarías existentes e instalaranse vidros adecuados para o illamento térmico e acústico, co que se contribuirá á mellora en termos de eficiencia enerxética. Isto completarase coa instalación de sistemas de climatización, dos que carece.
O proxecto inclúe tamén a renovación das instalacións de iluminación e son, a incorporación dunha cociña e de tres aseos, un deles adaptado. En total, o orzamento estimado para o proxecto está cifrado en 299.999,99 €, dos que Turismo de Galicia subvencionará máis do 80 %.
A actuación enmárcase dentro da Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que aposta por un turismo auténtico e sostible en que se aproveite o potencial do turismo rural. Para isto, desde a Axencia estanse a desenvolver distintas liñas de traballo a través das que mellorar as infraestruturas e xerar novas experiencias, sempre desde o respecto á cultura e á poboación local.
Ademais, o Concello da Veiga, situado na zona de Trevinca, está a ser potenciado como destino turístico Starlight polas óptimas condicións para a contemplación dos ceos estrelados.