
O segundo evento de ‘Entre Covas’, o I Festival de Artes e Enoturismo que organiza a Asociación Ruta do Viño de Valdeorras co apoio da Axencia de Turismo de Galicia e da Deputación de Ourense, celebrarase este venres 18 de xullo na Rúa, nos barrios de covas da Coroa e As Pinguelas.
Alí visitaranse tres covas e desfrutarase do concerto de Carmela, un grupo liderado pola música e investigadora Carme López, que pon a voz e a percusión aos temas do seu primeiro álbum Vinde Todas, un proxecto cun repertorio centrado na música de tradición oral galega, co canto e a percusión de man como elementos definitorios, adaptándoos ao contexto musical actual. “Unha proposta íntima e con moitas capas no que, ademais de López, participan Sara Méndez, no saxofón, e Camille Hedouin, no apartado electrónico”, indican dende a Ruta do Viño, destacando que “é a primeira vez que actúan na comarca e terán como escenario excepcional a cova de Joaquín Rebolledo, onde será o concerto”.

O evento, como o resto de citas do festival, ten un aforo limitado a cincuenta persoas “e xa ten todas as entradas reservadas”, adiantan dende a organización, avanzando que comezará ás 20 horas cun recibimento na Adega Melillas, na zona da Coroa, onde se visitará a cova. Tras un pequeno paseo, chegarase ás Pinguelas, onde é o concerto, para despois celebrar unha cata de viños con petiscos xunto á cova da adega Alan de Val.
A última das citas de ‘Entre covas’ será o venres 22 de agosto nos exteriores de Bodegas Blare, en Vilanova, no concello do Barco. Nos seus xardíns, a compañía de danza de Fran Sieira presentará o seu espectáculo Ceibe, unha peza que combina danza contemporánea e cultura tradicional. Neste caso, a cova da adega poderase visitar antes e despois do espectáculo. Para ese día aínda quedan entradas dispoñibles, á venda en Ton y Son ou a través da web da Ruta do Viño. Custan 25€ e inclúen o acceso ao espectáculo, a cata e os petiscos.