Como vén sendo habitual, os días 19 e 20 de xullo celébrase na aldea dos Anguieiros, na parroquia de Montefurado (Quiroga) unha variada programación de actividades para honrar á súa patroa, a Madalena.
Organizado pola Asociación Sociocultural Boca do Monte, coa colaboración do Concello de Quiroga e o Programa ‘Tradigalu’ que impulsa a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o programa comezará o sábado pola mañá cunha camiñada circular dende Os Alvaredos ata Roblido. A saída será ás 9h. dende a praza de Alvaredos, onde a Adega Alvaredos-Hobbs e a volta calcúlase cara as 12:30-13h.

Serán sobre 7-8 quilómetros e ten unha dificultade media-baixa, indican dende a organización, avanzando o percorrido “Partimos de Alvaredos entre a casas completamente reformadas que son sede da prestixiosa bodega Albaredos-Hobbs. Os seus viños, con importante presenza no mercado estadounidense, cambiaron o rumbo deste lugar grazas a un dos seus veciños que fixo fortuna en Estados Unidos. O amor pola súa terra levouno a fundar esta adega xunto có seu amigo millonario e prestixioso empresario da enoloxía. A ida será con certa pendente, ao principio algo máis pronunciada pero nunca chega a ser difícil. Atravesando piñeirais cambiaremos na nosa subida dunha provincia a outra. A parte final da ida é a entrada da aldea de Roblido (concello da Rúa), lugar moi pintoresco e que rompe a estadística de idade media da comarca xa que nela habitan varias parellas con fillos. Na volta, que será costa abaixo, gozarase das vistas do val de Montefurado de volta a Alvaredos”, explican.

Ese día ás 19h. terán lugar os xogos infantís e interxeracionais (billarda, bolos, corda, chave…) e das 21 ás 23h. haberá unha merenda popular amenizada polo Grupo Tradicional Érbedo de Sober. Ás 22h. e como novidade deste ano, recupérase o Concurso-Cata de Madalenas. “Para participar recoméndase inscrición antes do 19 de xullo no correo asociacionbocadomonte@gmail.com ou no teléfono: 657 014 555. E xa o sábado, entre as 19 e as 20h. haberá que entregar seis madalenas caseiras nun recipiente desbotable á organización (estará no campo da festa, na entrada da aldea) informando do nome e se as madalenas levan froitos secos, gluten ou outros alérxenos. A continuación, un xurado probará as diferentes madalenas presentadas e escollerá a mellor valorando a presentación, sabor e orixinalidade. Como premio para o gañador haberá unha cesta de produtos xentileza de Mari Carmen Macía, de “Mel do Avó” e veciña de Quiroga. As madalenas sobrantes degustaranse polo público asistente.
O domingo 20 de xullo de 10 a 12:30h. será a celebración do XIII Campionato de Bolos, con importantes premios para os mellores participantes tanto masculino como feminino. Ás 12:30h. será a alborada a cargo do Grupo Tradicional Abertal, da Rúa, e ás 13:15h. a procesión e misa na honra da Madalena. Ao remate da misa haberá un aperitivo popular para todos, farase o sorteo dunha cesta e outros produtos co acompañamento músical de Abertal.
